«Atrápame se podes» presenta unha edición especial con famosos

Iván G. Calaza REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Dez caras recoñecidas de TVG concursarán para repartir o bote máis solidario

24 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Atrápame se podes, o concurso de máis éxito da TVG, vai festexar ao grande o seu medio ano de emisión. O espazo presentado por Paco Lodeiro mantense na grella da Televisión de Galicia durante as semanas de Nadal. Os programas serán especiais ao contar con famosos como concursantes, un bote solidario a diario e unha nova fase con respecto ao seu formato habitual.

Esther Estévez, Roberto Vilar, Teté Delgado, Pepe Capelán e Trisha Fernández serán os primeiros participantes en someterse ás preguntas cantadas por Paco Lodeiro. Cada día, o programa poñerá en xogo 1.500 euros co obxectivo de doalos a unha entidade benéfica. Se o famoso concursante gañador do día non é quen de conseguir o gran premio, o petisco para a asociación será de 1.000 euros, e o bote medrará outros 500 euros. O vindeiro mércores, polo tanto, habería xa 5.000 euros en xogo, tendo en conta que Paco Lodeiro sempre arrimará 1.500 euros no momento de xogar polo bote. 

Os cinco primeiros participantes permanecerán nas noites da Galega dende o día de Nadal ata o mércores 29 de decembro. Esther Estévez é a presentadora que marca tendencia entre as novas xeracións co Dígocho eu. Roberto Vilar conduce un dos espazos de máis repercusión da TVG cada xoves, o Land Rober Tunai Show e tamén a diario o Quen anda aí?. Teté Delgado vén pasar o Nadal á casa mentres continúa coa súa carreira como actriz en Madrid. Pepe Capelán está convertido en todo un showman e desenvolve o seu traballo no Malicia Noticias. Pola súa parte, a actriz Trisha Fernández é a cara nova desta tempada do Luar

Durante a última semana do ano, o programa entregará o petisco ou o bote, en función do que consigan os concursantes, a Down Galicia, que apoia ás persoas con síndrome de Down; á Fegerec, a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas; á Asociación Mirabal, de axuda a víctimas de violencia machista e axuda ao menor; á Fundación Meniños, de protección á infancia e á adolescencia, e á Federación Galega de Bancos de Alimentos.

O formato introduce novidades nestes vindeiros programas. Seguirá tendo as fases de xogo habituais cunha ampliación a maiores. A actual Fase final vai ser coñecida como a Fase das escaleiras; permitirá saber quen é o gañador do día, pero non pelexará nese momento polo bote. O concursante vencedor da Fase das escaleiras terá que superar a proba do Minuto final para que o suculento premio chegue á asociación do día.

Ademais, a estética do programa terá un marcado carácter de Nadal. «Tratamos de vestir ao plató coas súas mellores galas para que se note que estamos nunhas datas especiais», apunta Iago García, director do Atrápame se podes. «E, por suposto, Paco Lodeiro tamén irá impoluto. Os espectadores están afeitos a velo como un pincel, pero para estes días de Nadal aínda se esmerou máis o equipo de vestiario», salienta.

Paco Lodeiro é a cara visible dun programa consolidado nestes momentos na televisión galega. Para el é un reto acompañar aos galegos e ás galegas nestas datas tan especiais: «É un pracer estar xa no día a día, pero aínda o é máis na época de Nadal. Ademais estes programas van ter un fin solidario que é moi necesario para que ninguén quede sen festexar minimamente estas datas», admite Lodeiro.

No tocante á selección de famosos, tanto director como presentador, coinciden que estivo igualada, pero «fomos máis cautos que Luis Enrique», rin. «Esta primeira semana os convidados non van deixar indiferente a ninguén», afirma o director, quen asegura que están ultimando detalles para que os que participen na primeira semana do ano «non baixen o nivel».

Atrápame se podes edición Nadal estenderase ata a noite de Reis. A partir de aí, o concurso seguirá na súa emisión habitual ás 22 horas de sábado a mércores. Cinco concursantes cada semana con opcións de levar un bote que antes do Nadal quedou en 17.000 euros. Os interesados en concursar poden poñerse en contacto enviando un correo a atrapamesepodes@crtvg.gal.