Sabela Maneiro, de Tanxugueiras: «Non pode haber tanta diferenza entre o público e o xurado»

Carlos Crespo BENIDORM / ENVIADO ESPECIAL LA VOZ

SOCIEDAD

Jorge de Álvarez ultima los detalles del traje de Sabela Maneiro, minutos antes de la gala
Jorge de Álvarez ultima los detalles del traje de Sabela Maneiro, minutos antes de la gala ROCIO CIBES

A compoñente do trío galego que gañou o voto do público no Benidorm Fest di que lle dá rabia que «non haxa esa pluralidade que nos queren vender»

30 ene 2022 . Actualizado a las 23:08 h.

Aínda co maquillaxe na súa cara e entre apertas e parabéns constantes, Sabela Maneiro, de Tanxugueiras, sorrí sen transmitir ningún tipo de impostura. Acaban de quedar terceiras no Benidorm Fest. Pero tamén acaban de ser as máis votadas nas dúas votacións que dependían do público. O camerino é unha festa. E isto aínda acaba de empezar. Tanxugueiras están felices e, dende logo non lles faltan motivos.

—Cales son as primeiras sensacións despois da final?

—A verdade é que foi flipante. Gañamos as dúas votacións do público e iso para nós xa é gañalo todo. Non se poderá ir a Turín pero estamos contentísimas. Nós sentímonos gañadoras. Pero non soamente nós. Témonos que sentir gañadores toda Galicia.

—Que valoración facedes do voto do xurado?

—Ao final as cousas vense. Que non hai pluralidade é unha realidade que está enriba da mesa. Máis alá de que todos os artistas estiveron de marabilla, eu creo que o público tampouco pode ir tan desencamiñado, non? Non pode haber tanta diferenza entre uns e outros. En calquera caso, a min non me gustaría poñerme na pel do xurado.

—Os portugueses dicían que o pobo é quen máis ordena.

—Si, si. E tamén nos dicían os portugueses que iríamos a Eurovisión representando a Portugal. Vai ti saber.

—Que vos pareceu que gañara Chanel, que chegou a Benidorm sen estar nas quinielas das grandes favoritas?

—A verdade é que esas cousas pasan. Alégrome porque a ela facíalle moitísima ilusión, fixo unha actuación á que non se lle pode poñer nin un pero. É unha xusta gañadora. Como podiamos ser calquera das tres que estivemos aí ata o último momento.

—Que é o que máis rabia vos deu do que pasou nesta final?

—Estou moi contenta como para sentir rabia agora mesmo. Se cadra o que máis rabia me dá é que non haxa esa pluralidade que nos queren vender. Hai moitísimas cousas que teñen que cambiar. Que Galicia ou calquera outra comunidade que teña unha cultura ou unha lingua propia non sexa menos que as do centro da península. Nós puxemos o noso gran de area pero ten que haber unhas políticas que apoien todo este discurso. Se non será un discurso en van.

—Nin sequera estades enfadadas co xurado?

—Non. A min gustoume que non me votara o xurado. Foi unha mágoa que co voto do público non nos chegase para gañar. Pero non ser favoritas do xurado non nos importou.

—E a parte máis positiva desta experiencia?

—O mellor foi a relación cos compañeiros. Foi marabilloso. E a experiencia de poder sentir a Galicia tan preto a pesar de estar máis lonxe que nunca. Pero ben, foi todo tan rápido que aínda está sen asimilar. O outro día estabamos asa tres sentadas no camerino e díxenlles, «pero dádesvos conta de que estamos aquí para representar a España en Eurovisión?». É todo moi tolo. Pero estamos moi contentas.