O colexio Quiroga Palacios de Santiago vólvese viral coa versión de «Terra» en lingua de signos
07 feb 2022 . Actualizado a las 08:23 h.Elsa, Manu, Claudia, Aarón, Alicia, Hugo e todos os seus compañeiros e compañeiras erguen a man: primeiro o puño pechado, e logo arriba o índice e mailo polgar, con moito tino para facer a transición. Así, cun aceno simple, arrinca un alalá que é atronador, malia que non soa. Porque a bravas gorxas de 5º A do colexio Quiroga Palacios de Santiago berran, abofé, pero berran coas mans.
Venres, 11 da mañá. A súa versión en lingua de signos de Terra, das Tanxugueiras, ten exactamente 28.888 visualizacións en Youtube e milleiros de comentarios en todas as redes sociais. Saben as métricas. A rapazada fala baixo o sol morno dunha mañá solleira logo da chuvia en Compostela. Algúns levan signando dende infantil, outros comezaron hai un par de anos. Outros aprenderon este curso, o primeiro que teñen unha compañeira que ten xordocegueira á que lle dá apoio Tareixa Martínez Barral.
«Eu lembro un día que estabamos falando da canción para o Día da Paz, que interpretamos unha canción de Encanto». Tareixa e Andrea Pérez Garabán, a mestra, miráronse nese momento concreto e dixeron: «E Terra, Terra tamén». As dúas. «Había que facela», di Tareixa.
Atrapállanse explicando como foi gravar un vídeo que dende logo pode levar o epíteto de viral e nesas explicacións, na convivencia entre compañeiros e compañeiras, superpóñense con total naturalidade as ferramentas de comunicación cotiá na aula: galego, castelán e lingua de signos.
«Ía un pouco rápido», explica Xurxo, pero foron quen de ir signando toda a letra do tema. Tareixa fixo a adaptación durante a fin de semana — «traducir cancións é complicado, e a certas velocidades e pensando que quen o van signar son nenos, máis»— o martes graváronse para penduralo na aula virtual para que o alumnado practicara na casa, e logo na clase. Repartíronse as frases en función da capacidade de signar (moi ben ou ben, porque ningún signa mal). E a gravar, porque Andrea, moitas veces, ten os planos na cabeza antes de comezar. En realidade, a versión das Tanxugueiras foi un dos vídeos máis rápidos que se fixeron na historia do colexio:
Se cadra só hai dous intres durante a conversa nos que a clase enteira coincide en pronunciar a mesma palabra: primeiro, cando falan de fraude, de roubo, de tongo... polo resultado do Benidorm Fest. «Notábase que eran as favoritas do público». Xoel é nese momento voceiro do sentir xeral da clase. O segundo momento é un non rotundo á pregunta de se queren facer SloMo en lingua de signos, —«e nunca nos din que non», aclara Andrea—. «Mandámoslle un vídeo as Tanxugueiras para que lles levante a moral», di Aroa. Se cadra son tres. Hai tamén un intenso si á proposta lanzada de facer unha versión de Rayden.
Así é como traballan. A profesora chega, fai unha proposta. Normalmante é aceptada con entusiasmo. E vén un vídeo. En realidade, «no colexio facemos un vídeo cada día». Iago explica que todas as mañás gravan en lingua de signos a data que é e o día mundial. O venres tocou o Día contra o cancro, o Día do orgullo zombie e a inauguración dos Xogos Olímpicos de Inverno.
«Temos que facer Averno», escóitase entre o rebumbio. «A letra de Chanel non se entende, ten moito inglés e ademais é moi machista». E entón empeza o debate. Aquí si que hai división de posturas:
—Este ano non toca!
—Pois eu si.
—A min si, porque me gustan moito os concursos.
—Pois que gañe o portugués...
—Se non o vedes xa sabedes que tendes unha profes moi fans de Eurovisión que vos van poñer as cancións igualmente.
É hora da merenda, e a cativada despídese cunha foto de grupo e levando, xa para sempre, as Tanxugueiras nas mans.