O que nos quedará será o covid persistente

Sonia Villapol
Sonia Villapol ANIVERSARIOCOVID

SOCIEDAD

istock

13 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de dous anos de pandemia chegou o momento de relaxar as medidas preventivas coa baixada dos casos. Moitos países teñen a maior parte da súa poboación inmune, ben por estar vacinada ou ben por ter superada o covid, e pode que esteamos preto de ter o control do virus dando por rematada a pandemia. Cando chegue o momento que a enfermidade non represente unha ameaza nas nosas vidas, o que nos quedará será a covid persistente ou de longo percorrido. Os síntomas despois da infección poden durar meses e transformarse en secuelas, pero tamén pode aparecer unha constelación de síntomas novos aínda que pasaramos a covid leve ou moderada.

Detectáronse máis de 200 síntomas asociados á covid persistente, e a maioría remiten no primeiro ano, pero outros perduran. Sen dúbida os problemas neurolóxicos que arrastrará a covid son extremadamente debilitantes e son os máis preocupantes pola falta de bos tratamentos. Millóns de adultos e menores que se infectaron, seguirán a padecer meses despois esgotamento e outros síntomas duradeiros e debilitantes, coma dor de cabeza, trastornos de atención, perda de gusto ou olfacto, dor nas articulacións ou mesmo tose persistente.

A porcentaxe de xente que sufrirá covid persistente estímase que vai entre o 10 e o 30 % das persoas infectadas. As causas son moi diversas e dependen de cada síntoma. A inflamación no cerebro que fai que os niveis de oxíxeno baixen é o que causa os problemas neurolóxicos e cognitivos. Tamén a cantidade reducida de sangue que chega ó cerebro provoca dano vascular o que leva á formación de microcoágulos que poden ser os causantes da fatiga crónica e unha ampla gama de disfuncións neurolóxicas.

Xa coñecemos algúns factores de risco, coma os altos niveis de carga viral ó inicio da infección, ou que restos virais non son eliminados por completo do corpo e seguen incrustados nos tecidos durante meses. A formación de autoanticorpos que atacan as propias células, a reactivación doutros virus, a diabetes de tipo 2, ou mesmo a coexistencia de todos estes factores son as causas máis probables. Tamén a inflamación crónica e as alteracións do sistema inmune son características dos pacientes de covid persistente e poden afectar a todos os órganos sistemas do corpo.

Aínda non temos as probas de laboratorio que faciliten facer diagnósticos precisos, nin tratamentos específicos, nin tampouco sabemos con certeza por que algunhas persoas lles afecta e a outras non, xa que moitas veces non dependen da gravidade na fase aguda da covid. Neste escenario, estamos ante unha realidade que pode agravarse, polo que os sistemas sanitarios teñen que adaptarse rápido e crear unidades de atención e seguimento aos pacientes de covid persistente.