Cada noite, máis de 150.000 espectadores seguen esta produción de Voz Audiovisual no horario de máxima audiencia de TVG
04 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Convertida no éxito do verán, a primeira tempada de Saudade de ti encara o seu tramo final sendo a primeira opción do horario de máxima audiencia en Galicia e con moitos misterios por resolver. Cada noite, máis de 150.000 espectadores seguen esta produción de Voz Audiovisual, da que se emite un novo capítulo este domingo ás 22.40 horas na TVG.
Celia descubriu que Mónica está embarazada, pero non pode dicirlle nada a Raúl debido ao segredo profesional. Parecía que a segunda oportunidade da parella ía vento en popa, pero agora a doutora deberá tomar a dura decisión: rematar a súa historia de amor con Raúl ou continuar a pesar de todo e de todos.
Por se iso non fose suficiente, Isidro continúa pensando que Santi é o seu xenro, polo que non dubida en facer de alcaiote entre a parella e en converter ao enfermeiro no seu confidente ao revelarlle un segredo que leva tempo ocultando.
En Porto de Abrente, as augas tamén están revoltas. Adela está disposta a chegar ata as últimas consecuencias para eliminar á competencia. O informe que Mónica pediu ao rexistro mercantil está ao caer e con el descubrirase quen é o socio de Dimas e Teresa en Caldeirada de Abrente. A gran pregunta é que pasará cando Adela se entere de que o seu primoxénito a está traizoando.
Gaspar ten un cómplice
Por outra banda, a chantaxe de Mónica a Gaspar debería de comezar a dar os seus froitos, pero Mónica trabúcase se cre que está xogando cun miñaxoia. Gaspar non pensa quedar de brazos cruzados ante as ameazas da súa nora e non é o único, xa que atopa un cómplice inesperado que lle axudará.
Na casa dos Eiroa, Isidro non acepta que Noa se reconciliase con Lucho, pero a rapaza xa non é unha nena, polo que vai facer o que lle pete lle guste ou non ao seu avó. Non obstante, o tipo de vínculo que Noa quere ter con Lucho non convence a este último e iso pode ser un obstáculo no porvir da súa relación.