O espazo da TVG comezou a emitirse no ano 1992 e segue en antena
22 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A inconfundible canción do Luar, os aplausos do público e un saúdo, que é xa historia da televisión. Do «Boas noites señoras e señores, grazas telespectadores por estar aí, detrás da pantalla» que Xosé Ramón Gayoso pronunciou por primeira vez en setembro no ano 1992, ao actual «Boas noites luareiros e luareiras».
Entre un momento é outro pasaron trinta anos, que se di pronto, pero no que a vida deu moitas voltas. Cambiou o escenario, da primixenia sala de festas Dona Dana en Touro (situada no corazón de Galicia, que explicaba o presentador) ao plató 1000, en Montouto, Teo, ao que se mudou hai uns anos.
Este venres Luar celebra un aniversario dos que xa quedan poucos, trinta anos, porque ao logo das tres décadas da súa estrea, a televisión volveuse cada vez un medio onde permanecer no tempo e case un milagre. E desde logo todo un auténtico récord de lonxevidade.
O equipo do programa, no que a cara máis coñecida e Gayoso, pero que funciona, segundo di el mesmo, «coma unha orquestra sinfónica», preparou un especial no que reunirá moitas das presentadoras que pasaron polo Luar ao longo destes trinta anos, pero tamén, a colaborades, humoristas e moitas das personaxes que entraron en milleiros de fogares galegos para ser case un máis da familia.
Nesta nova temporada Xosé Ramón Gayoso estará acompañado por Trisha Fernández nun decorado totalmente renovado. O concurso Recantos celebrará a súa décimo terceira edición e o programa presentará novos humoristas e seccións, convidará ao estudio a persoas centenarias, coas que tratará de achar a fórmula da lonxevidade, e o profesor Anxo Guerra continuará revelando curiosidades da lingua galega.
Todo sen perder a esencia máis luareira, a de mesturar a música e a cultura da nosa terra con artistas de sona nacional e internacional. Sempre en rigoroso directo e coa participación activa dos que están ao outro lado da pantalla, máis preto ou máis lonxe.
Aínda que xa hai anos que ao final do programa non se entoa o mítico Apaga o candil, Luar segue tendo o favor do público nunha época na que a oferta televisiva cada vez medra máis e é máis diversa.
O espazo musical segue mesturando a mellor música de aquí e de acolá, con humor, procura de novos talentos da canción e divulgación etnográfica da cultura galega, unha fórmula máxica que leva tres décadas conquistando aos galegos.