Leticia T. Blanco: «Foi unha oportunidade única vivir a viaxe de Ruth Matilda Anderson en primeira persoa»

N. a. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A fotógrafa Leticia T. Blanco
A fotógrafa Leticia T. Blanco

TVG emite os sábados, ás 19.15 horas, a serie documental «Galicia de 20 a 20»

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia de 20 a 20, a serie da TVG producida por Voz Audiovisual en colaboración coa Hispanic Society of America, é unha viaxe tras os pasos de Ruth Matilda Anderson pola Galicia dos anos 20. As guías desta viaxe son Sonia Méndez e a fotógrafa Leticia T. Blanco. Esta última leva a fotografía no sangue, é a terceira xeración de fotógrafos da súa familia e a encargada de actualizar as instantáneas de Ruth Matilda para comparar a Galicia dos anos 20 do século pasado coa Galicia dos nosos anos 20.

—Este sábado emítese o cuarto episodio de «Galicia de 20 a 20» na TVG. Como foi esta viaxe de descubrimento cen anos despois da de Ruth Matilda Anderson?

—Eu creo que Sonia e eu o que máis fixemos durante esta viaxe foi flipar co que atopabamos. Foi impresionante, tanto persoalmente, porque nunca pensei que sería capaz de estar diante das cámaras, como polos lugares e pola xente que coñecemos neles. De feito a pesar de que o meu traballo era actualizar as fotos de Ruth, a miña parte favorita sempre era a de escoitar á xente, xa que en todas as paradas que facíamos había alguén cunha historia interesante. E estas mesmas persoas tamén nos axudaron a comprender as fotografías de Ruth, algunhas delas nunca vistas antes en Galicia, que aparte de ser un retrato da Galicia da época, son dunha beleza e dunha técnica fascinantes.

— Foi doado actualizar as fotos de Anderson?

—Mentiríache se che dixese que si, de feito non sempre fun capaz de facer as fotos tan ben replicadas como a min me gustaría. En cen anos a tecnoloxía mudou moito, ás veces, a propia cámara, ou as novas lentes, non me permitían ter os mesmos encadres. Algunhas fotos foron todo un reto, outras nin se quera lle fan xustiza ás orixinais, e tamén atopei outras fotos que Anderson non sacou nin viviu. Pero deixando a un lado a parte técnica, lembro sentirme abraiada ao estar mirando o mesmo que mirou ela, intentando adiviñar o que pensaba ou o que lle chamaba a atención.

—Cambiamos moito con respecto aos anos 20?

—Si, o progreso e a industrialización son innegables, pero a pesares dos cambios, hai edificios que seguen no seu sitio e hai costumes que se manteñen ou profesións que pasan de xeración en xeración. Quizais esas son as cousas que fan que pertenzamos a un lugar aínda que os tempos cambien.

—Grazas a Hispanic Society of America e a Ruth Matilda Anderson podemos coñecer unha Galicia que doutro xeito quedaría esquecida?

—Esta encarga tan singular de Archer Milton Huntington nace do seu desexo de completar o seu arquivo fotográfico da Hispanic Society. Así naceron as expedicións fotográficas que tanto valor antropolóxico teñen. Aquí, Ruth Matilda Anderson buscaba fotografar a Galicia auténtica e para iso foise ao rural máis recóndito, a pesar das dificultades que iso lle podía supoñer na viaxe. Fotografou a vida tal e como era, sobre todo a moitos nenos e mulleres traballadoras e incansables. De feito, da selección de aquelo que fotografar nace a súa subxectividade. Sen dúbida, as fotos que fixo durante estas expedicións e os seus diarios son un tesouro.

—Como foi mirar a través do seu obxectivo?

—Ela é unha pioneira e unha inspiración para min, tiña o traballo dos meus soños! Cando empecei a coñecela máis vin algúns paralelismos entre nós. As dúas vimos de familias de fotógrafos, ambas estudamos fóra e somos igual de testudas. Eu creo que ás veces na miña cabeza xa falaba con ela! Sentín que conectei de moitos xeitos. A min poñíame moi contenta atopar a súa pegada, ou algunha historia familiar na que se leva mencionando «a fotógrafa americana» de xeración en xeración. E tamén entendín a súa frustración cando non atopaba o que buscaba. Pero, ás veces as fotos non teñen que ser perfectas, senón que chega con que conten o que queremos contar. Creo que teríamos sido boas amigas.

—Que significou esta viaxe para vostede?

—Hai unha frase que lin de Ruth Matilda Anderson que me quedou marcadísima: ela quería atravesar coa lente da súa cámara a materialidade dos obxectos. É algo que me leva roldando a cabeza todo este tempo. Como fotografar a esencia mesma das cousas, da xente. A verdade é que esta viaxe foi toda unha aprendizaxe e puiden descubrir persoas e lugares incribles e tamén falar con xente á que xa admiraba de antes. Fíxome plantexarme moitas preguntas, investigar moito na súa fotografía e na fotografía de principios de século e aprender outras maneiras de traballar. Foi unha oportunidade única vivir a súa viaxe en primeira persoa.