O xornalista e profesor fixo un relatorio sobre a contribución dos galegos ao avance das máquinas calculadoras, da programación informática, da robótica, dos satélites e da intelixencia artificial
11 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Do aritmómetro á computación cuántica. Como as máquinas de cálculo, informáticas, robóticas e de comunicación transformaron Galicia nun século e medio é o nome do traballo de Henrique Manuel Neira Pereira co que vén de gañar o premio Vicente Risco de ciencias sociais. Neira, doutor en Xornalismo, traballa como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela. O xurado valorou que se trate dunha historia que aposta pola modernidade e o futuro desde Galicia. É unha panorámica da contribución das galegas e galegos ao avance das máquinas calculadoras, da programación informática, da robótica, dos satélites e da intelixencia artificial. Todo isto encadrado con abondosas referencias literarias. Na mesma convocatoria levou un accésit o traballo Sobreviver na palabra escrita á trajectória.
O xurado estivo integrado por Teresa Devesa, en representación do Concello de Allariz; Manoel Carrete, polo de Castro Caldelas; Xaquín Vázquez, polo de Melide; Xavier Limia, pola Deputación de Ourense; Carmen Villarino pola Universidade de Santiago de Compostela; Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo; e Isabel Mociño, pola Fundación Vicente Risco. Tiveron que escoller entre dez traballos presentados, dos que destacaron o alto nivel de calidade.