Desde este domingo, os novos capítulos da serie emitiranse de domingo a martes en TVG
18 jun 2023 . Actualizado a las 16:02 h.A serie líder de audiencia do pasado verán regresa este domingo 18 (22.45 horas) ás noites da Televisión de Galicia despois da exitosa estrea de Os amantes de Abrente o pasado luns. A película sobre a orixe dos personaxes de Saudade de ti logrou reunir a 176.000 espectadores únicos e alcanzou un 11,1 % de cota de pantalla, superando nesa mesma franxa horaria a programas consolidados como MasterChef, Mi casa es la tuya ou First Dates.
Aínda quedan moitas preguntas por responder en Saudade de ti. O principal interrogante é saber como se resolve a historia romántica de Celia, a súa protagonista, interpretada pola actriz María Tasende.
O mal querer
A indecisión de Celia en cuestións sentimentais está lastrada por unha traumática experiencia do pasado que non poderá manter oculta por máis tempo. Andoni Garay (Xoel Fernández), o propietario das clínicas onde a doutora estivo traballando en Bilbao e con quen mantivo unha convulsa relación, vaise presentar en Abrente cun único obxectivo: vingarse de Celia. Cúlpaa de esnaquizar o seu matrimonio e a súa carreira, ademais de provocar a morte dunha paciente. Que haberá de certo nestas acusacións? Será capaz Celia de estar cara a cara con este home? Cal será a reacción de Raúl ao coñecer esta historia?
O primeiro amor
Durante a primeira temporada de Saudade de ti, Celia se reencontra con Raúl (Fran Nogueira), o seu amor de xuventude. A pesar do matrimonio que forma con Mónica, a mellor amiga de Celia, resulta inevitable que a paixón que houbo entre eles reviva. A segunda temporada de Saudade de ti comeza coa súa petición de man. Ou mellor dito, o intento, porque no momento no que Raúl lle vai dar o anel de compromiso a Celia descobre que non o ten. Mónica roboullo porque está embarazada de Raúl e non está disposta a aceptar que o seu matrimonio rematou. Por iso non vai permitir que casen sen antes contarlle a Raúl a revelación coa que acabou a primeira temporada: el e Celia poderían ser irmáns.
A paixón
A forma na que Raúl vai xestionar os obstáculos que se interpoñen entre eles fará que a doutora acabe distanciándose del e encontre refuxio en Santi (intepretado polo actor Adrián Castiñeiras). O enfermeiro é un gran apoio emocional para Celia e desde o primeiro momento houbo moita química entre eles, aínda que nunca pasaron a maiores. En parte, a causa de Raúl e, en parte, porque Santi estaba a saír dun proceso de divorcio que resultou complicado. Agora non hai obstáculos que lles impidan dar renda á súa paixón, pero xa sabemos que en Abrente calquera cousa pode pasar. Así é como, o día da primeira comuñón de Artai, o fillo de Santi, chega unha visita inesperada: a súa ex muller, que quere a custodia única do pequeno.
A loita por conquistar o corazón de Celia será unha das principais tramas desta nova temporada de Saudade de ti, que comeza a emitirse este domingo, e na que no faltarán novas relacións sentimentais, moitas intrigas e mesmo un asasinato.