O inmoble volve abrir ao público tras unha rehabilitación de sete anos e cunha colección ampliada de máis de 4.000 obras
18 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Carlos Maside foi un dos máis inquedos artistas galegos deste século. Cecais, o primeiro expresionista galego». Con estas verbas describiu Luís Seoane ao pintor e debuxante co que un día decidiu nomear ao museo de arte contemporánea aberto ao carón de Cerámicas do Castro, en Sada, e ao abeiro do Laboratorio de Formas que ideou con Isaac Díaz Pardo. Inaugurado en 1970, o Museo Sargadelos-Carlos Maside volveu abrir as súas portas tras unha importante rehabilitación e cun importante anuncio, a súa inminente declaración como ben de interese cultural (bic).
«O que é bo para Sargadelos é bo para Galicia e para a nosa cultura», defendeu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. O titular la Xunta foi unha das personalidades que asistiron a esta nova posta de largo na que tamén estiveron presentes destacadas figuras da creación galega.
Dentro, recibindo aos primeiros visitantes, agardaban a ser contempladas obras de Laxeiro, Abelenda, Maruja Mallo, Llorens, Corredoira, Castelao, Lugrís e, como non, de Seoane e Maside.
Desde Cultura calculan que pronto, este verán, se procederá a incoar a declaración como bic do recinto, que seguiría así os pasos do conxunto da fábrica de Sargadelos en Cervo, que obtivo esta protección no 2014.
A resolución que acredita os valores culturais, museográficos e arquitectónicos do museo rematará este mes, para a súa remisión ao Diario Oficial de Galicia. «Culmina así un proceso no que foi preciso un intenso e minucioso traballo por parte dos técnicos de Patrimonio», defenden desde o departamento autonómico.
O edificio, da Fundación Sargadelos, contará con protección e recoñecemento patrimonial «por ser un dos símbolos culturais de referencia de Galicia», expoñen. Desde os 70 reuniu boa parte da plástica galega contemporánea. Agora recibe ao público cunha colección ampliada composta por máis de 4.000 pezas. Tanto as obras en si como o percorrido polo inmoble con forma de módulos hexagonais creado por Andrés Fernández Albalat son una experiencia que paga a pena.