TVG firma as súas mellores audiencias dun mes de outubro dos últimos dez anos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Os informativos do mediodía seguen sendo líderes na comunidade

02 nov 2023 . Actualizado a las 20:28 h.

Televisión de Galicia ven de pechar o seu mellor mes de outubro dos últimos dez anos, con cifras que non rexistraba desde o 2013. A canle autonómica suma xa trece meses acadando cotas de pantalla por enriba dos dous díxitos. Neste caso, neste outubro rexistrou un 10,8 % no conxunto da xornada (1,8 millóns de espectadores), e un 10,9 % no horario de máxima audiencia, segundo reflicten os datos do medidor Kantar Media difundidos pola corporación pública.

O éxito sostido de TVG está sustentado en programas como Atrápame se podes, concurso que presenta Paco Lodeiro e que en moitos balances mensuais figura entre os seus espazos de máis audiencia.

Os servizos informativos da Televisión de Galicia foron unha vez máis os programas de referencia, moi especialmente nas edicións do mediodía, entre as 13.30 e as 15.30 horas, coas emisións de Galicia Noticias e o Telexornal Mediodía. Nesa franxa TVG acadou un 18,3 % de cota de pantalla de luns a venres, o que supón 1,3 puntos por enriba da segunda canle (Antena 3, cunha cota do 17 %).

As tres emisións máis vistas do mes foron, en todos os casos, o Telexornal na día primeira edición. O 18 de outubro sumou un 23,3 % de cota; o 24 de outubro, un 21,8 %, e o 25 de outubro, un 21,5 %, con 145.000 seguidores cada un dos días.

A canle salienta os datos acadados no prime time dos luns (11,1 %) coas emisións de Operación Marea Negra e do ciclo de cine galego Realmente G, os xoves (12,5 %) con Land Rober Tunai Show, os venres con Luar (11,9 %) e os sábados con Bamboleo (11,2 %).  

Por outra parte, TVG segue a ser unha das canles motor da rede de televisións autonómicas de Forta, superando a este grupo en 2,3 puntos de cota. A canle máis vista deste grupo foi a TV3 catalana, cunhna cota do 14 %, seguida por Aragón TV (13,6). O terceiro posto foi para TVG. A Forta sumou unha cota do 8,4 % no conxunto do país.

En Galicia, Antena 3 foi líder de audiencia do pasado mes cun acumulado do 12,1 %, seguida de Televisión de Galicia e o seu 10,8 %. La 1 de TVE foi a terceira opción cun 10,2 % de cota.

En canto ao consumo diario de televisión por espectador, o tempo ascendeu a 292 minutos por persoa e día para o conxunto de España. Galicia foi a terceira comunidade que máis dedicou a ver a televisión, con 190 minutos por persoa, o que a sitúa no terceiro posto por detrás de Asturias (203 minutos) e Castilla-La Mancha (199 minutos).

No conxunto nacional, Antena 3 foi líder de audiencia cun 12,9 % de cuota de pantalla, o que lle garantiu o primeiro posto por diante de La 1 de TVE, no segundo posto cun 10,4 %. Antena 3 sumou deste xeito dous anos como líder.