Recompilan os topónimos das cantigas profanas nun mapa

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

USC

O proxecto Canticar permite percorrer a paisaxe «que fraguaron os trobadores e xograres», destaca a catedrática Pilar Lorenzo

27 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Viveiro, Deza, Melide, as Terras de Lemos, Lampai (Teo), pero tamén Morón de la Frontera, Roma, Bríndisi e puntos de Francia. Que teñen en común? Todos eles son topónimos presentes nas cantigas profanas da lírica galego-portuguesa e agora están recompilados nun mapa dixital, Canticar. «Este proxecto o que pretende é materializar de maneira plástica os topónimos das cantigas profanas medievais», resaltou Pilar Lorenzo Gradín, catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e directora deste proxecto desenvolvido no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Nese senso, incidiu en que a nova web «permite percorrer a paisaxe que fraguaron os trobadores e xograres a través dos topónimos», engadindo que algúns deses lugares perderon importancia na actualidade, pero no seu momento tiñan unha relevancia.

O proxecto Canticar, que foi presentado onte, ademais de situar cada topónimo no mapa permite acceder aos textos nos que se mencionan. Os usuarios tamén poden consultar os datos biográficos dos trobadores e xograres. Por iso, segundo incidiu Lorenzo, tamén servirá de base para o desenvolvemento de novas investigacións sobre a tradición lírica medieval galego-portuguesa. A coordinadora do proxecto destaca que os topónimos «non só revelan os lugares da escritura, que xa de por si é relevante, senón tamén os lugares que frecuentaron determinados trobadores e xograres». Ademais, recordou que na lírica profana estes nomes de lugares «teñen unha función significativa porque permiten ancorar nunha determinada realidade feitos históricos, ás veces, ligados a personaxes e estratos sociais».

O desenvolvemento desta ferramenta por parte do Grupo de Investigación Románicas da USC foi froito dun traballo interdisciplinario no que se deron a man investigadores dos eido da historia, a historia literaria e a filoloxía. O apartado histórico tamén ten moita importancia pola propia evolución dos límites dos reinos que se foron producindo ao longo dese período trobadoresco. «Esta ferramenta abre un abano de posibilidades para percorrer determinados acontecementos sociopolíticos», asegurou Lorenzo. Na presentación tamén interviñeron as investigadoras Mariña Bermúdez e Carmen de Santiago, que resaltaron que se trata dunha web interactiva na que o usuario tamén pode configurar o mapa segundo os seus intereses. Así mesmo, fixeron fincapé en que á presenza de territorios próximos se lle engaden outros ao longo de Europa e incluso de Ultramar, como coñecían o territorio máis alá do Mediterráneo, especialmente de Terra Santa. «É un proxecto moi innovador e poder ser a base para seguir descubrindo aspectos da nosa riquísima lírica medieval», concluíu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.