En perigo de morte un dos personaxes máis queridos de «Saudade de ti»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O pai de Celia está nun estado moi grave despois do derrubamento da súa casa

02 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A esperada terceira temporada de Saudade de ti deu comezo o pasado martes 25 de xuño. A primeira semana de emisión rematou cun tráxico suceso: o derrubamento da casa de Isidro sobre o seu propietario. Agora, o pai de Celia debátese entre a vida e a morte. Sen dúbida, Isidro Eiroa é un dos personaxes máis queridos polo público desta serie, que desde o 2022 forma parte inseparable dos veráns para os espectadores de Televisión de Galicia. A súa perda sería un importante revés para a súa filla. Celia regresou á vila precisamente para coidar del, despois de que a súa nai morrese no accidente de tráfico co que daba comezo a serie. Desde entón, foron moitas as vivencias compartidas entre pai e filla.

Un defecto que pode pagar caro

Isidro tivo que encaixar un duro golpe ao saber que Olga, a súa esposa, lle estaba sendo infiel con Gaspar. Para superar esa decepción foi vivir un tempo a Mallorca. Alí coñeceu a Belén, con quen descubriu de novo o amor. Posteriormente, ela trasladouse a vivir a Abrente xunto ao seu fillo David, quen de costas á súa nai enganou e estafou a varios veciños da vila. Belén cortou toda relación con el e apostou por quedar a carón de Isidro, por quen sinte un amor verdadeiro.

O cariño que Belén lle ten a Isidro non impide que sexa consciente dos seus defectos. Ela quéreo ben, pero sabe que é moi teimudo. Como a Isidro se lle meta unha cousa na cabeza, xa non hai quen consiga quitarlle esa idea. Agora ese defecto podería custarlle moi caro. Tal vez chegue a pagalo coa súa propia vida.

Unha desgracia evitable

Ao inicio desta terceira temporada da serie, a construción do novo porto deportivo ten á vila en obras e aos veciños de Abrente totalmente divididos. Uns, como Dimas, están en contra do proxecto porque cren que vai acabar co estilo de vida tradicional do lugar. Outros, como Isidro, ven nas obras unha oportunidade de progreso e prosperidade. E como sempre que o río vai revolto, hai pescadores tratando de sacarlle ganancia.

Por iso está Pedro Taboada en Abrente, para organizar aos veciños descontentos e presentar unha demandar colectiva contra a empresa construtora.

A pesar de que o avogado logra paralizar as obras e desaloxar as vivendas, o pai de Celia négase a abandonar o seu fogar. Foi nesas circunstancia cando se produciu o accidente no que Isidro acabou baixo os cascallos da súa propia casa.

Demasiados intereses

Mentres Isidro está na UCI cun pé na tumba, Pedro ofrécelle á familia encargarse da denuncia, xa que todo indica que a empresa construtora que está a facer as obras no porto é a responsable do derrubamento. Con todo, Celia non acaba de confiar no avogado porque coñece o seu xeito de traballar.

Nos días previos ao accidente, Pedro intentou que a doutora esaxerase as doenzas dos seus clientes para poder empregar eses informes médicos contra a empresa construtora. O avogado non vai tardar en recibir unha malleira. ¿Será para que deixe de poñer trabas ás obras ou haberá outro motivo? ¿Quen é en realidade este home? ¿Por que ten tanto interese en prexudicar á construtora? ¿Quen está detrás desa empresa?

Afectados pola traxedia

Despois de facerse coa dirección de Porto de Abrente mediante a chantaxe a Gaspar, Mónica está decidida a sacar beneficio das obras. Non só quere facer un bo negocio, tamén pretende recuperar a relación co pai da súa filla. ¿Logrará Mónica separar a Raúl de Celia? ¿Que vai facer co vídeo íntimo no que aparece Álex con Gaspar? ¿Que consecuencias podería ter que se difundise ese material?

O accidente de Isidro e o que vai descubrir sobre o pasado do seu prometido farán que Elba valore a posibilidade de pospoñer a súa voda. ¿Chegará a casar con Lucho?