O Clúster Audiovisual Galego chega a un acordo coa Xunta sobre o anteproxecto de lei dos medios públicos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Instalaciones de TVG en San Marcos.
Instalaciones de TVG en San Marcos. TVG

A agrupación de empresas audiovisuais reuniuse coa Secretaría Xeral de Medios

29 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Clúster Audiovisual Galego, en representación de 60 empresas do sector audiovisual de Galicia, e a Secretaría Xeral de Medios mantiveron onte unha reunión de traballo na que se abordou o anteproxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, e as alegacións relativas da agrupación de compañías audiovisuais.

O principal punto de acordo ao que chegaron ambas partes foi en relación á produción allea de contidos para a TVG. O Clúster móstrase así a favor de apoiar a contratación externa da produción xa que, como expresou nun comunicado, «esta é unha práctica consolidada nas canles públicas, que se vén facendo na TVG dende a súa creación e que permitiu o desenvolvemento do sector da produción audiovisual independente en Galicia». No seu escrito, destacan tamén que esta contribución da televisión pública galega permitiu a proxección do sector galego a nivel nacional e internacional, desenvolvendo «un tecido empresarial que medra, que crea emprego e que proxecta a imaxe do país alén do noso territorio».

Galego e outros idiomas

O idioma tamén foi un dos temas tratados na reunión entre o Clúster e a Secretaría Xeral de Medios. Neste sentido, acordouse a importancia de que a TVG produza todo tipo de produtos audiovisuais en lingua galega, garantindo a «edición e difusión en galego dos programas, contidos e servizos de produción allea». Con todo, no acordo tamén se contempla que este compromiso co galego non debe interferir na utilización doutras linguas. Neste caso, estas outras deberán quedar relegadas a un uso unicamente na plataforma dixital e cando este estea xustificado para cumprir co cometido de servizo público, entendendo este suposto como o de «dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio».

O último punto tratado por ambas partes afecta aos profesionais da industria audiovisual. O comunicado do Clúster establece que se manifesta o compromiso de «incluír na lei ás organizacións profesionais do sector audiovisual como interlocutor válido, a través da súa inclusión no Consello asesor de participación».

O anteproxecto foi aprobado pola Xunta de Galicia o pasado 29 de xullo con algunhas novidades. Entre elas, destacan a de adaptar a regulación á transformación dixital, mudando o nome da CRTVG, que pasará a ser a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

Ademais, cambia tamén o apoio necesario no Parlamento para nomear ao director xeral, podendo ser designado coa maioría absoluta na cámara, aínda que a primeira opción é o consenso co resto de grupos buscando a elección con respaldo de dous terzos. A segunda votación sería con tres quintos. Só no caso de que non exista acordo se recorrerá a «unha disposición transitoria para evitar unha situación de interinidade sen solución de continuidade» cunha elección por maioría simple para a que se abrirá un prazo de tres meses. A candidatura formularase en comisión parlamentaria e o seu mandato será de cinco anos renovables. O debate deste texto no Parlamento de Galicia aínda está pendente.