En colaboración coa tamén galega Proximia, a axencia de publicidade Imaxe ideou e desenvolveu esta campaña de R, coa que se reposicionou a marca no principio do ano
23 nov 2024 . Actualizado a las 15:12 h.Os Premios Paraugas, que entrega anualmente o Clúster d Comunicación de Galicia, galardoaron na súa novena edición como «mellor campaña» a R_voemos, pensada e realizada pola axencia galega de publicidade Imaxe en colaboración con Proximia. Este certame, que recoñece os mellores traballos en impresión, deseño, creatividade, márketing, comunicación e eventos de Galicia, é xa toda unha referencia no sector.
Seco Cuenca, director creativo executivo de Imaxe, agradeceu este recoñecemento e dixo que «R_voemos é unha campaña con moita intelixencia artificial, pero tamén ten moito corazón. Porque nos demostra que a IA é máis unha ferramenta ao servizo da creatividade e que o máis importante é e sempre será a idea que hai detrás».
Para desenvolver a campaña R_voemos o equipo creativo de Imaxe apostou por ideas-forza cargadas de vitalidade, pulo e promesa de futuro, tres dos puntais do operador galego dende o inicio da súa andaina. R_voemos é o lema que refresca a marca R dende principios de ano coa mensaxe de que todo é posible grazas ás telecomunicacións e á visión dun mañá innovador para os seus clientes.
Imaxe empregou no traballo ferramentas de intelixencia artificial, creando pezas gráficas e audiovisuais nas que se proxecta o inimaxinable. De feito, o anuncio da campaña é un dos primeiros do mundo realizado con tecnoloxías IA que consegue tal nivel de acabados, texturas e movementos de cámara. Utilizáronse recursos de xeración de imaxes como Midjourney, ademais de vídeo tradicional sobre o que a IA constrúe un universo sorprendente. E é a combinación de técnicas o que fai desta produción unha aventura totalmente pioneira.
A campaña amosa imaxes tan imposibles —e ao tempo inspiradoras— para os/as clientes/as coma un humano cun filtro de cabalo que pasea con dignidade pola urbe (para dar que falar), un colega de videoxogos que se conecta dende Orión, o receitario da avoa descargado nos miolos dunha cociñeira moi moderna… ou unha nena cun casco de mil ollos para poder ver mil series e unha vella estupenda que plana en patinete sideral esquivando o tráfico.
Alfredo Ramos, director do operador galego, explica, co gallo desta campaña, que «R naceu en Galicia en 1998, e dende aquela a súa galeguidade innata camiñou ligada a valores como a innovación, o investimento en tecnoloxía e a aposta por servizos avanzados en resposta ás necesidades dos nosos/as clientes/as. Estamos moi orgullosos/as do que logramos. Hoxe especialmente grazas a este flamante premio de Imaxe pola campaña de R. Queremos seguir medrando, ser aínda mellores e adaptarnos —como sempre fixemos, con creatividade e innovación— aos novos tempos».
Encomendar a creatividade da campaña a Imaxe é máis unha mostra do compromiso de R con Galicia e a innovación, promesa reforzada polo traballo de Proximia e da produtora Vostok Films baixo a dirección de realización de Cloré. A frescura da proposta completa responde igualmente a unha produción musical na que o músico coruñés Nano MZ enumera a ritmo de reguetón eses avances que nos deparará o futuro e que poderían prestar (ou non).