O primeiro «reality» de aventuras da TVG emítese este luns, a partir das 22.35 horas
09 dic 2024 . Actualizado a las 18:56 h.TVG emite na noite deste luns a segunda entrega de Salvaxe, o primeiro reality de aventuras da canle autonómica presentada pola vilalbesa María Lamela. Tras a expulsión da lucense Laura Vila, dezasete concursantes continúan na competición; só un deles pode chegar á final e gañar os 25.000 euros do premio.
Durante o programa, os participantes sométense a probas físicas e de estratexia e comparten convivencia divididos en dúas mandas, a dos Raposos e a dos Nécoras, respectivamente lideradas por Abdel Bendriss, de Miño, e Diego Santiago, de Vilagarcía de Arousa.
Esta noite, os concursantes desprázanse ata Guitiriz, en concreto á localidade de Escádebas e á contorna do río Forxá, onde transcorrerá a primeira das probas do programa. Os dous equipos xogarán as condicións nas que vivirán, con dous campamentos moi diferentes e cun acceso á comida tamén distinta, a través dunha convivencia de vinte e catro horas na que permanecen illados das súas vidas.
Esta segunda entrega de Salvaxe emitirase na programación de Televisión de Galicia a partir das 22.35 horas, aínda que posteriormente poderá verse tamén en Agalega, a plataforma dixital de contidos da TVG, onde pode recuperarse tamén o primeiro dos programas, estreado hai unha semana.