Marcos Úbeda, segundo expulsado de «Salvaxe»: «Se estou un programa máis no concurso, quedo no ''chasis''»
SOCIEDAD
A expulsión estivo marcada pola falta de alimento e polo seu rápido deterioro físico, motivo polo que el mesmo quixo que os seus compañeiros o expulsasen
16 dic 2024 . Actualizado a las 15:37 h.Marcos Úbeda (Corcubión, 2001) é o segundo expulsado de Salvaxe, o reality de aventuras da Televisión de Galicia. A expulsión estivo marcada pola falta de alimento e polo seu rápido deterioro físico, motivo polo que el mesmo quixo que os seus compañeiros o expulsasen. Foi un momento de emoción e bágoas, xa que demostrou ser un compañeiro moi querido entre os concursantes e que se botará en falta nos vindeiros programas.
—Como foi a experiencia que viviu?
—Ía coa mente moi preparada para calquera cousa que se puxese diante, pero unha cousa é imaxinalo e outra chegar alí e vivilo. Os primeiros días pensei que xa virán tempos mellores, pero unha vez metido no allo deime conta do extremo que podía ser o programa, e de que non era consciente de que puidese selo tanto.
—Que é o peor do concurso?
—O peor é a fame. Xa non só afecta a nivel físico. Se non estás ben alimentado e con enerxía… inflúe en todo. Eu son unha persoa moi delgada. Cústame moitísimo subir e baixar de peso, levo moitos anos no mesmo e de aí ninguén me move. En cambio estes días perdín dous quilos e medio en dous programas, que para min é moitísimo. Ao non estar acostumado foi un shock cando quitei a camiseta e comprobei como estaba. Se chego a estar un programa máis e o equipo volve perder a proba quedo no chasis, só valería para pasarme unha vasoira por riba non para facer probas. Nos primeiros días comín dous filetiños de lingua, que eran máis pequenos que a palma de man. E logo, nos seguintes dous días, que tiñamos latas, comín soamente unha lata de chícharos.
—Foi expulsado por nomeamento e posterior decisión do capitán, foi pacto ou traizón?
—Foi un pacto porque eles víronme mal. Levanteime mareado, sen forzas… estaba palidísimo, parecía un cadáver pouco máis. Despois da proba dos xeos, que foi moi dura, xa non me vin ben. Podo continuar a ver se gañamos a seguinte proba, comer e ver se me recupero ou marchar e recuperarme na casa antes de poñerme peor. Ao final pesou máis o feito de recuperarme rápido. Así que si, foi completamente pactado, levábame superbén cos compañeiros. Fixemos un grupo moi diverso, pero conxeniamos moi ben.
—Como lle cambiou a vida dende o seu paso por «Salvaxe»?
—En canto saín, o que máis valorei foi a comida. Eu era un pouco repunante coa comida, pero xa non lle fago ascos a nada. Debes agradecer o que teñas na mesa. Tamén a rodearme de boa xente, sen prexuízos. No meu día a día non tería pensado que podería levarme cunha muller que me dobra a idade, e foi ca que máis fixen migas.
—Pensaba que se podería facer un programa así en Galicia?
—Sinceramente, non. Pensas na TVG e nunca se fixo nada coma isto, non crees que se vaian agora a desmadrar e facer un programa superextremo. Ía coa idea de que ía ser un programa de aventuras, de pasalo un pouco mal... pero pensei que íamos estar mantidos para estar sans e decentes. De aí a sorpresa de que nos levaran ao extremo.