O concursante de Pontedeume foi o primeiro abandono forzoso do programa debido a unha lesión no brazo derivada da dureza das probas
23 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Daniel Labarta (Pontedeume, 1992) tivo que abandonar forzosamente Salvaxe, o reality de aventuras de TVG. Unha complicada lesión no brazo derivada da dureza dunha das probas obrigouno a deixar a aventura no comezo do terceiro programa, cando o seu equipo se dispoñía a disputar a proba de grupos. Entre bágoas e sentidas apertas este mozo pontedeumés dixo adeus coa cabeza alta e cun soño cumprido.
—Como viviu esta experiencia?
—Foi unha experiencia moi impactante, a realidade sempre supera á ficción. Ti velo pola televisión pero cando estás alí é moito peor. Estás nun mundo novo, a parte da vida, a parte de todo o que fas no día a día. Cada día sorprendía máis ca o anterior, non sabes por onde van vir as cousas. O que máis me gustou foi que me quitou da miña realidade, transportoume a un videoxogo, a un xogo de aventuras.
—Que é o que peor levou?
—O peor que levas é non dispor de comida cando a queres e de ter que comer o que tes diante, tes que comer comidas que non che gustan para ter enerxía para as probas. Eu destacaría durmir no río co clima que tiñamos e cos temporais. Estar na tenda de campaña era case coma durmir á intemperie, sobre pedras e lodo. Eu creo que durmín 3 horas por noite.
—Como se fixo a lesión que o obrigou a abandonar?
—Foi na proba de nomeamento do primeiro programa, tiñamos que romper unha cadea e eu estiven moitísimo tempo dándolle a un cincel cun martelo. Eu, como bo rubio, tardei en darme conta de cal era o xeito bo para rompela, para cando o conseguín xa notei a sobrecarga. Ao durmir en posicións incómodas na tenda foi a peor, houbo un momento no que non podía xuntar o pulgar e o índice, aí xa sabía que estaba ante unha lesión forte.
—Que fixo Abdel, o capitán da súa manda, por vostede?
—Xa sabía que Abdel estaba preocupado por min, dicíame ás agachadas que por favor non o abandonase. Cando el quixo participar por min tiven unha mestura de sentimentos, non o podía crer. Sei que o fixo de corazón, eu xa quería a Abdel, coñecíao de fóra e sabía que era boa persoa, pero aí demostroume que é o verdadeiro capitán da manda.
—Que foi o máis duro de abandonar?
—É duro cando tes unha motivación persoal de superación, cando es un referente para moita xente que o pasou mal. Agradezo ter a unha persoa coma Abdel que me axudou no concurso, oxalá de pequeno ter a unha persoa así que me protexera do que me pasaba. O meu soño era entrar nun reality e máis en Galicia. Fastidia moitísimo porque non podes facer nada, tes que pensar na túa saúde. Polo menos non fun expulsado, serei o non expulsado de Salvaxe.
—Tras unha infancia marcada polo «bullying», «Salvaxe» era especial para vostede.
—Cando sufrín os episodios de gordofobia e homofobia a xente miraba para outro lado, e quedabas de débil. Ver que xente se sacrifica por ti, que acepta como eres, que che colle cariño… Ver xente abrindo o seu corazón é o bonito da vida, co que hai que quedarse.
—Cambioulle a vida o paso polo programa?
—Eu necesitaba coñecer xente nova, saír da miña zona de confort, ver as miñas capacidades… Perdín tres quilos ao saír de Salvaxe e dende aquela xa son case nove. Cambiei totalmente o meu estilo de vida. Agora teño relacións máis sas, acepto a todo o mundo e xa non teño prexuízos. Recuperei a confianza na xente.
—Que significa a manda dentro do concurso?
—Eu teño un concepto moi diferente de manda ca os Nécoras, eles din que sacrificarían a unha persoa lesionada. Eu o concepto que teño de manda é que temos que sobrevivir todos e que todos aportamos algo útil ao equipo para saír adiante. É certo que o programa trata de ir eliminando xente, pero non penso que unha manda de verdade deixe a unha cría lesionada detrás. O bo dunha manda é que se protexen uns aos outros.
—Pese á dor e a limitación fixo probas lesionado.
—Eu na proba do río xa tiña unha dor insoportable, aínda por riba tiven que loitar co escudo, que obriga a ir co peso no ombreiro. Eu sabía que era importante intentar cambiar de campamento e intentei sacrificarme polos meus compañeiros sabendo que non podería desfrutar moito do cambio.