Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Alberto Díaz: «DeepSeek permite democratizar o emprego da intelixencia artificial»

r. r. garcía REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

ANGEL MANSO

O responsable de Produto de IA e Data de R considera que Galicia pode xogar un papel relevante no desenvolvemento da IA

10 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia pode xogar «un papel relevante» no desenrolo da intelixencia artificial e na creación de servizos e solucións amparada nesta tecnoloxía, para o que resulta clave a cooperación entre empresas e todo o ecosistema tecnolóxico galego. Así o considera Alberto Díaz Freire (Ferrol, 1973), responsable de Produto de IA e Data de R quen tamén considera que a irrupción da chinesa DeepSeek no mundo da IA vén de cambiar as regras do xogo.

—Intelixencia artificial, 5G e servizos na nube. Cal é o fío que une estas tres realidades tecnolóxicas e cómo a súa aplicación conxunta nos afecta?

— Practicamente todo o que facemos hoxe en día deixa unha pegada dixital e, neste contexto, estas tres tecnoloxías, combinadas, amplifícanse e compleméntanse. O 5G recompila os datos desa pegada dixital cunha tecnoloxía avanzadísima; os servizos cloud (na nube) albérganos e procésanos en tempo real, e a IA analízaos a través de algoritmos ou fórmulas e explótaos, aplicándoos ás máis diversas actividades da nosa vida. Xunto estas tres tecnoloxías en R e no grupo MasOrange non esquecemos que é clave garantir a seguridade e a privacidade.  Nun mundo totalmente conectado e con información persoal e sensible, resulta vital seguir os máis altos estándares de ciberseguridade, tanto dende o punto de vista tecnolóxico como de cumprimento normativo e regulatorio na protección de datos, como sempre fixemos. Porque nos atopamos perante o ecosistema tecnolóxico máis grande da historia. E o avance acelérase cada vez máis nunha revolución tecnolóxica sen precedentes.

—Pode poñernos un exemplo práctico destas aplicacións combinadas?

—Na maioría dos servizos e solucións a grande escala dos nosos días o 5G, a nube e a IA compleméntanse entre si, creando contextos propicios para desenvolver, por exemplo, Cidades Intelixentes, Industria 4.0, coches autónomos ou avances en telemedicina, onde se comunica e procesa información mediante IA en tempo real a través de milleiros de sensores e dispositivos conectados. Na nosa vida diaria, a IA converteuse en omnipresente. Por exemplo, na vida persoal asistentes como Siri ou Alexa, ou aplicacións como Google Maps para organizar rutas, son empregadas constantemente. Pero noutros moitos ámbitos non somos tan conscientes diso: así, plataformas de streaming como Netflix e Spotify utilizan algoritmos de IA para recomendar películas, series e música a partir dos nosos hábitos de visualización e escoita.

—En que medida a irrupción da chinesa DeepSeek pode democratizar o acceso a IA?

—A loita pola supremacía mundial tecnolóxica entre EE.UU. e a China fai que aínda se impulse máis o desenvolvemento e avance da intelixencia artificial. E tamén vai acelerar a evolución ao 6G. DeepSeek é proba diso, non só por ser un modelo de intelixencia Artificial cunhas prestacións comparables a OpenAI, senón porque pode cambiar as regras do xogo en dous aspectos chave: por unha banda, pola súa natureza de código aberto, ao permitir que calquera empresa ou desenvolvedor poida utilizar o modelo para os seus propios proxectos e servizos; e, pola outra, porque é moito máis eficiente e máis económica, ao non precisar necesariamente os chips Nvidia, que se converteran nun estándar para o adestramento de modelos de IA. Todo iso permite democratizar o emprego da IA facéndoa máis accesible a todo o mundo e, dende logo, compromete a supremacía tecnolóxica dos EE.UU. no desenvolvemento da intelixencia artificial.

—Europa ten un papel secundario respecto a EE.UU. e China. ¿Poderíase reverter a situación ou xa é demasiado tarde?

—Na miña opinión non é demasiado tarde, pero hai que lle dar esa volta á situación canto antes porque doutro xeito a fenda vai ser demasiado grande. Cómpre apoiar as empresas e as pemes europeas no desenvolvemento de ferramentas en torno ao dato e á intelixencia artificial, e que empresas de todos os sectores poidan adoptar a tecnoloxía europea. Actualmente case que o 100 % das solucións que se consomen son dos EE.UU. e neste escenario é imposible desenvolver unha industria europea. A brecha día a día agrándase. Mobilizar investimento en IA e máis unha regulación máis sinxela e fácil de aplicar que non free a innovación tamén poden ser medidas impulsoras do cambio.

—E neste escenario, que papel pode xogar Galicia?

—Considero que o sector tecnolóxico galego é moi potente e temos que estar orgullosos tanto dos profesionais como das empresas que o forman, sen dúbida á mesma altura ou superior, en moitos casos, a outras comunidades. Por tanto, si pode xogar Galicia un papel relevante nos próximos anos. É importante aproveitar o talento non só para o desenvolvemento de servizos profesionais acompañando as empresas na adopción tecnolóxica senón tamén para crear servizos e solucións que xeren valor arredor da IA. De aí que resulte clave a cooperación entre empresas, pois o ecosistema tecnolóxico é moi grande e evoluciona moi rápido.

—A IA está xa plenamente integrada nas nosas vidas?

—É unha realidade e forma parte integral xa das nosas vidas, tanto no eido empresarial como no día a día das persoas. Está a transformar a sociedade en todos os niveis. Pero o seu percorrido só acaba de empezar: a evolución tecnolóxica augúranos un futuro de posibilidades que semellan infinitas. A innovación tecnolóxica non se detén e seguirá presente en innumerables ámbitos.

—Hai algún sector que poida quedar a marxe da súa influencia ou abrangue prácticamente todo?

—Aínda que a IA segue avanzando e expandíndose por case que todos os sectores, hai áreas onde a súa implementación é limitada, porque nelas se requiren necesariamente habilidades humanas. Por exemplo, en profesións baseadas na interacción humana, nas que a empatía, a comprensión, os sentimentos e a conexión emocional coas persoas é esencial para ofrecer un servizo personalizado de calidade; ou outros que dependen do gusto persoal e a creatividade, algo que ata o de agora a IA non puido replicar. Aí están sectores como os da beleza, a artesanía ou a restauración, nos que as preferencias singulares das persoas son a prioridade.

—Se a un cativo de 5 anos lle preguntase que é a intelixencia artificial. Que lle diría?

—Explicaríao do seguinte xeito: busca que os computadores poidan adquirir unha intelixencia similar á dos seres humanos para seren capaces de aprender, entender a linguaxe, tomar decisións ou razoar, e resolver, así, problemas de todo tipo, como fan as persoas. A IA quere copiar a intelixencia natural, coa que nacemos os humanos.

—De 0 a 10. Pode poñerlle número á IA, ao 5G e máis aos servizos na nube?

—Eu daríalles un 8 ao 5G e á nube, porque supuxeron un salto moi importante nas capacidades de comunicación, procesamento e almacenamento, e na democratización do acceso á tecnoloxía máis avanzada sobre todo para as empresas, independentemente do seu tamaño ou sector. E daríalles un 10 aos avances en intelixencia artificial nos últimos anos, pola súa capacidade de desafiar os límites do que criamos posible, de modo que na actualidade non sabemos onde pode estar ese confín, se é que existe.

—A computación cuántica vai ser a cuarta pata desta revolución?

—Vexo a computación cuántica nos nosos días como unha tecnoloxía emerxente dentro da informática. Como as tres tecnoloxías anteriores, postúlase como unha gran revolucionaria, con capacidade para realizar cálculos complexos e procesar cantidades de datos inimaxinables. Hai xa grandes avances, pero aínda afronta algúns desafíos técnicos e prácticos. A investigación e o desenvolvemento progresan rapidamente e a medida que superemos eses retos a computación cuántica achegaranos, sen dúbida, a unha nova era de innovación e descubrimentos científicos.

—E como se integraría cas outras tecnoloxías?

—Nun futuro a combinación de redes 5G/6G e, en particular, a combinación da intelixencia artificial e a computación cuántica facilitarán a aprendizaxe automática e o procesamento de datos, polo que os modelos cuánticos serán moito máis rápidos e precisos. Isto podería levar a grandes avances por exemplo en sanidade, ciberseguridade, investigación científica, loxística ou desenvolvemento farmacéutico. Será unha nova transformación, adquiriranse capacidades completamente novas.