Ponte nas Ondas celebra trinta anos de cooperación radiofónica transfronteriza entre Galicia e Portugal

SOCIEDAD

A iniciativa, que ía optar á declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial, foi sumando colexios participantes
27 mar 2025 . Actualizado a las 12:59 h.En marzo de 1995 inaugurábase a ponte internacional entre Salvaterra do Miño e Monção, un acontecemento para dúas vilas veciñas pero que aínda pagaban unha tarifa internacional para chamarse por teléfono. Ninguén celebra os trinta anos do viaduto, pero si os doutro fito que abrollou de forma case improvisada aquela mesmo día, cando 16 escolas do sur galego e o norte portugués aproveitaron para emitir a Xornada Experimental de Radio Interescolar. A iniciativa, baixo o nome de Ponte Nas Ondas! (PNO!), seguiu medrando até a actualidade, cando xa é considerada pola Unesco coma proxecto de éxito da preservación, transmisión e difusión do patrimonio cultural oral común das dúas beiras da raia. Onte, ducias de colexios participaron nunha maratón radiofónica dende nove concellos galegos e portugueses.
«Daquela, hai trinta anos, eu levaba xa un tempo facendo radio e vídeos educativos cos rapaces», di o mestre de escola primaria, xa xubilado, Santiago Veloso, que lidera a póla galega desta oenegué cultural. «Aconteceu que outros compañeiros dos arredores de Vigo tamén facían radio e, como xa estabamos en contacto con algún centro portugués, montamos unha xornada de radio conxunta».
Acollida
«Tivo tanta acollida e repercusión, especialmente entre os alumnos, que cada ano se sumaban máis centros, alongándose por toda a fronteira», relata Veloso, á vez que lembra as dificultades técnicas para emitir a longa distancia, para establecer a primeira emisión de vídeo en streaming e os experimentos con internet, «cuns equipos mastodónticos, que metían medo».
Naquel primeiro lustro, tratábanse asuntos locais, pero o eixo temático mudou cando a ONU introduciu, en 2001, a categoría de Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Humanidade, o que deu pé a unificar a programación en torno á cultura compartida entre Galicia e Portugal. «Foi como abrazar o mar: tiñamos toda unha cultura e unha lingua comúns; atopamos máis afinidades que diferenzas entre os dous lados da fronteira», engade Veloso.
No 2005, presentaron o patrimonio galego-portugués á categoría de PCI e, «aínda que non o conseguimos, a ONU animounos a refacer a candidatura. Nós perdemos o apoio dos Estados, pero outros candidatos, como o flamenco, si acadaron a distinción», lamenta o mestre.
A programación actual amosa a mesma sensibilidade, con temas como oficios tradicionais, o mundo rural, o encaixe, lendas ou indumentarias e receitas típicas. Malia este esforzo e a súa condición de única oenegué galega acreditada como consultora para o PCI, «o apoio institucional é moi escaso e case todos traballamos coma voluntarios, aos niveis económico, loxístico, mediático... Podería valorarse máis que Galicia e Portugal teñan este modelo de boas prácticas recoñecido en todo o mundo», di Veloso.
O proxecto non perde tracción, e acumula colaboracións de xornalistas coma Julia Otero ou Iñaki Gabilondo, e mais as composicións feitas cada ano por artistas da talla de Margareth Menezes ou Uxia. «Isto deixa unha enorme pegada no alumnado, e moitos rapaces acaban sentindo inclinación polo xornalismo e a radio», celebra o director.