Gadisa únese á Once para promover a inserción laboral de persoas con discapacidade

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDAD

El presidente y consejero delegado del Grupo Gadisa, Roberto Tojeiro, y el vicepresidente ejecutivo de Fundación ONCE, Alberto Durán
El presidente y consejero delegado del Grupo Gadisa, Roberto Tojeiro, y el vicepresidente ejecutivo de Fundación ONCE, Alberto Durán Cedida

As dúas entidades asinaron un convenio este martes que motivará a contratación de polo menos 15 persoas con discapacidade pola empresa de distribución galega

15 abr 2025 . Actualizado a las 20:20 h.

Gadisa Retail asinou este martes un convenio ca Fundación Once polo cal a empresa de distribución galega se compromete a contratar polo menos a 15 persoas con discapacidade nun prazo de tres anos. Grazas a este acordo, Gadisa contará con Inserta Empleo —a entidade de recursos humanos de Fundación Once— para realizar procesos de preselección, formación a medida e acompañamento na incorporación de persoas con discapacidade a distintos postos dentro da compañía.

O acordo asinouse este martes nun acto en A Coruña que presidiron o vicepresidente executivo de Fundación Once, Alberto Durán, e o presidente e conselleiro delegado do Grupo Gadisa, Roberto Tojeiro.

Alberto Durán destacou o valor que achegan as persoas con discapacidade aos persoais das empresas, e engadiu que, para a Fundación Once, poder colaborar con Gadisa é moi importante, porque ademais de ofrecer unha saída laboral a todas as persoas que contraten, pola propia actividade da compañía «moitos dos postos que poden ocupar as persoas con discapacidade están cara ao público, o que sen dúbida axuda á visibilización do seu talento».

Pola súa banda, Roberto Tojeiro manifestou que «para nós (Gadisa), asinar este acordo é moito máis que incorporar talento, é reafirmar a nosa forma de entender a empresa. Somos un equipo de máis de 8.500 profesionais con diversidade de talentos e habilidades que cremos en nós mesmos e nos valores que compartimos». Ao que ademais añadiu que Gadisa ten «a firme convicción de que unha compañía forte non se mide só polas súas cifras, senón pola súa capacidade para abrir portas, ofrecer oportunidades e construír unha contorna onde todas as persoas poidan crecer».

«Este convenio permítenos avanzar cara a unha organización máis diversa, máis representativa e, sen dúbida, máis enriquecida polas distintas capacidades e miradas que suman valor cada día. Ilusiónanos saber que, detrás de cada incorporación, hai unha historia con futuro», concluiu Tojeiro.

O acordo entre ambas entidades conleva a adhesión de Gadisa Retail ao Foro Inserta Responsable, unha plataforma promovida por Fundación Once que fomenta o intercambio de experiencias, boas prácticas e ferramentas de innovación social entre empresas comprometidas coa inclusión do talento con discapacidade.