Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Sánchez Izquierdo pecha a súa etapa na CRTVG con superávit de 1,3 millóns

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento galego.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento galego. XOAN A. SOLER

Acusa ao BNG de mentir coa sentenza que obriga a canle a rectificar unha información

28 may 2025 . Actualizado a las 14:40 h.

Un día despois de que Concha Pombo presentase no Parlamento as súas credenciais e propósitos de futuro para asumir a xefatura da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), novo nome da CRTVG, o aínda director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu na mesma comisión para presentar o balance da compañía correspondente ao pasado ano fiscal. Unha intervención con ton de despedida, xa que o pleno que ratifique a Pombo como a súa sucesora será xa en xuño, e no que tanto BNG como PSdeG mantiveron o seu habitual discurso crítico co responsable da CRTVG, ao que verteron críticas sobre a falta de pluralidade nas canles do ente público ou a manipulación nas informacións.

A práctica totalidade da súa exposición centrouse nos resultados económicos, a estabilización dos cadros de persoal e os niveis de audiencias da corporación, que pechou o ano cun superávit financeiro de 1,3 millóns de euros e un volume de gastos reais superior aos 129 millóns. Referiuse tamén a redución da débeda dende que asumiu a dirección da CRTVG, pasando de 51 millóns de euros de remanentes negativos no 2008 a 5 millóns na actualidade, e a rebaixa no pago de provedores, pasando de 24 días a 6: «Na actualidade, na TVG, asinar un contrato ou recoller unha factura é case diñeiro en efectivo».

Sánchez Izquierdo apoiouse nos últimos datos da onda do EGM para indicar que a TVG é «a canle máis vista en Galicia», e tamén a autonómica con maior audiencia no conxunto de España; mentres que a Radio Galega alcanza os 133.000 oíntes entre as súas emisoras, situándose na terceira posición.

A socialista Silvia Longueira retrucou eses resultados de audiencia apuntando as análises de Kantar Media, que amosan unha caída do 11 ao 8,7 % na cota de pantalla fronte ao 18 % do EGM que expuxo o director xeral. A deputada razoou que os datos de Kantar responden a un incremento dos medidores de audiencia nos últimos tempos: «En canto medimos con maior detalle, os datos de audiencia baixan en picado». O director xeral replicou que Kantar Media foi sancionado no último ano en dúas ocasións polos resultados ofrecidos coa TVG. «Os xestores [de Kantar Media] empezaron a corrixilo e espero resultados desa nova situación», engadiu.

Enfrontamento co BNG

O nacionalista Iago Suárez tamén abundou nesa baixa de audiencia segundo os datos da consultora, o cal ligou a un «aumento do control político» e a «falta de pluralidade» e «manipulación». O deputado do BNG, como fixo nunha intervención posterior a súa compañeira de escano, Alexandra Fernández, amosou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que obriga a TVG a rectificar unha información na que se omite a presenza de membros do Bloque nun acto en Bonaval. «Vostedes mentiron descaradamente sobre o BNG, por moito que digan que foi un erro puntual», acusou ao director xeral.

Sánchez Izquierdo respondeulle que non ten «problemas en aceptar erros», pero rexeitou ser tachado de mentireiro: «No seu grupo teñen un problema serio coa verdade. Na sentenza non leu onde di que hai que retirar esa expresión de ‘mentira’».

A popular Carmen Pomar felicitouno pola súa xestión e por uns datos económicos que cualificou de «inmellorables».