«No campo podemos convivir lobos e gandeiros, pero señores da Administración, poñan as botas e veñan á aldea»
SOMOS AGRO
Xabier Paz, un gandeiro de Vilalba de 22 anos, conta en primeira persoa o impacto do lobo na súa actividade e reclama medidas que compatibilicen a conservación da especie e a actividade no agro
17 feb 2021 . Actualizado a las 19:23 h.Nunca pensei escribir isto, pero creo que é o momento. Todo comezou cos 18 anos acabados de cumprir. Un venres recibín unha chamada de meu pai. Pensei que o avisaran da universidade de que ese día non fóra á clase, porque todos sabemos que os xoves universitarios son complicados. Pero un minuto despois, decateime de que era un dos mellores días da miña vida: díxome que ía quedar libre unha finca onde me podería incorporar á actividade gandeira e empezar toda esta andaina.
Ao pouco tempo cambiei a carreira por un ciclo superior relacionado co meu futuro, uns estudos que me axudarían a facer realidade un soño con coñecementos e profesionalidade. Por suposto, sempre apoiado pola familia porque onde ía un rapaz coma min, con todas as ganas do mundo pero sen unha base económica, negociar un préstamo cun banco, ou falar cos donos dunha finca para alugala? Paso a paso, con moita axuda, e malia o complicados que son todos eses trámites, conseguino.
Os primeiros animais que merquei foron as eguas que xa estaban na finca. Os cabalos foron, son e serán gran parte da miña vida. E non soporto ver como son atacados polos lobos, sen poder facer nada.
Antes de seguir quero aclarar que estou dacordo coa xente que defende o lobo, eu mesmo son defensor dos animais e entendo que o lobo non é o culpable, tense que alimentar e loitar pola súa supervivencia. O culpable non é o lobo, nin os ecoloxistas.
Para min, os que erran son os xestores da administración que elaboran e aplican leis sen saír dos seus despachos. Por favor, poñan unhas botas e veñan ao campo, vexan cos seus ollos cal é a realidade. Falen coa xente, escoiten, achéguense ao que está pasando de verdade. Non se trata de erradicar o lobo, un dos animais máis marabillosos e intelixentes que hai, e dos que hoxe en día, só en Galicia, hai catro veces máis exemplares ca en toda Francia. Pero tampouco se pode deixar desprotexidos aos gandeiros ata afogalos.
Para se facer unha idea: eu tan só estou sacando o 30 % da produción de poldros. Pero esta non é só unha cuestión económica. Podedes imaxinar o que se sente ao chegar onda as túas eguas e velas desesperadas? O que é oílas rinchar coma tolas, sufrindo, movéndose alporizadas, buscando por todas partes as súas crías? Non deixa de ser unha nai que non atopa o seu fillo. Nin máis nin menos. É desesperante, para elas e para min, vivir coa impotencia de ver como desaparecen os poldros, a incerteza de non saber cantos faltarán mañá, a frustración de saber que moitos dos que vin hoxe non chegarán ao inverno. Por non falar da volta que che dá o estómago cando atopas unha cría despezada, esnaquizada, ou algunha tan malferida que non pode nin moverse, que te mira dende o chan, e non queda outra máis que sacrificala. A min váiseme a alma aos pés. Como a moitos compañeiros que ven o mesmo cada día con cuxos, vacas, ovellas ou años.
Estou seguro de que a curto prazo esta situación vaime empezar a afectar, económica e animicamente. A manda de eguas non aumenta porque a recría mátaa o lobo. Cada vez quedamos menos gandeiros e a poboación do lobo aumenta. Se nada cambia, os poucos gandeiros novos que quedamos imos ter que pechar as explotacións, porque o banco non perdoa unha letra do crédito. Si, loitamos e traballamos moitas horas porque esta é a vida que escollemos, unha vida que nos encanta. Pero todo cansa, e só con ilusión non podes facer viable un proxecto.
Só lle pido á administración un pouco de empatía e de consideración cos produtores. Pídevolo de corazón un gandeiro de 22 anos que quere seguir vivindo no rural, coidando do monte e dos animais, mantendo o campo vivo, aportando o seu grao de area ao benestar da xente, á alimentación da sociedade, que viu como no máis duro do confinamento, cando non había bares nin fútbol, nin sequera escolas, nunca faltou a comida, nin o leite, nin as verduras e hortalizas, nin o peixe nin a carne. No sector primario demostramos o que somos: traballadores esenciais. Non pido medallas. Non somos heroes. Facemos isto porque nos gusta e nos apaixona. Só queremos poder traballar.
Por iso eu, quizais coa inocencia dos 22 anos, non vexo nada disto como unha cuestión de bandos. Como amante dos animais que son, que me levanto cada día polo seu benestar, non vou deixar que me coloquen fronte a ecoloxistas ou animalistas. Crédeme, son un de vós. A ver se nesta xeración somos quen de non vernos como inimigos nin competencia, e conseguimos deixar a pelexa e aplicar a lóxica.
Todos podemos convivir neste mundo, lobo, xabaril, eguas, vacas, gandeiros... pensemos e debatamos. Falemos. Escoitémonos. E señores da Administración: veñan á aldea.
O autor, Xabier Paz González -Goiriz (Vilalba 1998) está á fronte da Finca Enxebreza. Empezou a estudar Administración e Dirección de Empresas (ADE). En Alemania tamén traballou de xinete. Incorporouse ao sector primario como gandeiro e, paralelamente, fixo un ciclo.