Patrocinado porPatrocinado por

José Ángel Blanco: «O problema do campo non é o prezo do leite, senón o custo de produción»

SOMOS AGRO

PALACIOS

Vén de ser reelixido presidente de Clun, un posto que xa ocupaba dende a fundación da sociedade. Consolidar unha cultura empresarial baseada no contacto cos socios e os proxectos de xeración de valor engadido para o leite son obxectivos para estes vindeiros anos, sen esquecer que o aumento do custo de produción constitúe un gran problema.

29 feb 2024 . Actualizado a las 17:55 h.

José Ángel Blanco Purriños (Xermade, 1964) vén de ser reelixido presidente de Clun. Xa ocupaba o cargo dende o 2017, ano en que xurdía esa sociedade, froito da unión de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños. Nesta última, con sede na parroquia da Devesa (Ribadeo), xa era presidente dende o 2010. A súa candidatura foi a única que se presentou para outro mandato en Clun. A cooperativa que preside ten arredor de 3.500 socios, algo máis do triplo dos que había nos Irmandiños. Unha parte é xente xa xubilada que segue a manter unha relación xurdida coas cooperativas que se uniron para crear Clun. O cadro de persoal está formado por uns 400 traballadores, e arredor do 90 %, comenta Blanco, procede do medio rural.

—É o mesmo presidir unha cooperativa de 1.000 socios ca unha de 3.500?

—Triplícanse os problemas [ri]. Cada cooperativa ten as súas características, en certo modo ten a súa personalidade. Hai que saber harmonizar e crear unha cultura de empresa.

—Hai unha cultura Clun?

—Téntase facela.

—Como se prevé que sexa?

—Trátase sobre todo de ter contacto co socio. Á xente que está no consello reitor tócalle tomar decisións, pero ten que facelo analizando a información que lle achegan os técnicos. Creo que unha vez analizada unha información, calquera consello reitor tomaría a mesma decisión. Unha das claves está en transmitir esa información aos socios. Antes, no campo, a xente quizais traballaba máis, pero non estaba tan suxeita a horarios; hoxe un gandeiro ten horarios tan estritos coma nunha empresa e ás veces resulta difícil transmitirlle esas decisións que se toman.

—O 2021 foi un ano de tensións e de protestas polo prezo do leite, con críticas a empresas. Como se vive esa situación nunha cooperativa coma Clun?

—Os que venden o leite son tamén os propios donos da empresa e teñen dereito a coñecer as contas. No consello regulador somos todos gandeiros, temos que buscar un equilibrio. O prezo do leite non está mal nestes tempos; hoxe o problema do campo non é o prezo do leite, senón o custo de produción: subiu o penso, subiu a factura eléctrica, subiu o gasóleo... Nunha cooperativa coma a nosa hai primas aos gandeiros (por benestar animal ou por comprar nas nosas tendas, por exemplo), e o prezo base está en 0,29 euros por litro. Tentamos que o prezo final que se paga ao gandeiro estea na media do prezo que hai en Galicia.

—As cooperativas que hoxe integran Clun xa compraron antes Clesa, onde se teñen anunciado novas liñas de produción nos últimos tempos. Foi un sinal da fortaleza que tería Clun?

—Non hai dúbida de que a suma das tres cooperativas nos leva a ter unha maior fortaleza, complementando o que xa tiña cada unha. Os Irmandiños daba moitos servizos aos socios; Melisanto, tamén; Feiraco, que é moi coñecida e recoñecida en Galicia, era a única que chegaba da granxa á mesa. En Madrid ou en Andalucía, aínda hoxe Clesa é unha marca coñecida.

—En Clesa téñense anunciado, por exemplo, novas liñas de envasado para o iogur. Segue a ser a creación de máis valor engadido un dos grandes retos do sector lácteo en Galicia?

—Estamos a centrar esforzos en Clesa. Así damos máis valor ca o do leite envasado, pero os socios, que son gandeiros, pídennos que lles saquemos o leite das explotacións. O iogur, ao final, é unha cantidades pequena, e temos que buscar ese equilibrio: temos que seguir envasando leite.

—Foi o 2021 un bo ano para unha sociedade coma Clun?

—Viñamos dunha tendencia mala. Estamos a preparar as contas, pero para a parte relacionada co campo foi un ano bo.

—Unha parte da masa social está formada por xente xa xubilada. Como é a súa relación coa cooperativa?

—Eses socios quérenlle moito á cooperativa; seguramente, máis do que lle queren os novos. É xente que ten un sentido de pertenza, e iso é algo bo. Por outra banda, é bo que haxa xente nova: por exemplo, a compra de Clesa foi unha decisión importante, e a xente nova, neses temas, anímase máis.

—Cando comezou a pandemia, unha das preocupacións da sociedade semellaba estar nos alimentos e comentábase a importancia da produción alimentaria. Vendo a situación dende dentro, cre que segue a haber esa inquietude?

—Temos pouca memoria. Cando as cousas se puxeron difíciles, había medo ao desabastecemento. Xa se nos esqueceu iso un pouco. Démoslle, como sociedade, máis valor ao campo? Si, pero axiña se nos esqueceu. O campo ten que producir, non pode ser só algo idílico.

«Chegarase a ver a creación dunha gran cooperativa en Galicia? Pode que si»

José Ángel Blanco Purriños séntese gandeiro por vocación pero tamén por decisión. Lembra que ir traballar ás Pontes, onde a central térmica e as empresas auxiliares ofrecían bos soldos, era na súa xuventude unha proposta moi forte para xente da Terra Chá, da Mariña ou doutras zonas. El quedou no campo, convertendo a explotación familiar nunha potente e moderna granxa.

—Clun supuxo a creación dunha cooperativa cunhas dimensións que non abundan en Galicia. Hai posibilidades para medrar máis, sexa en Galicia ou fóra?

—Non hai por que descartalo. Sigo pensando que aínda que cada cooperativa ten a súa filosofía, é importante todo o que supoña melloras, sexa con fusións ou con colaboracións entre cooperativas.

—Chegarase a ver a creación dunha gran cooperativa en Galicia?

—Pode que si. Antes da fusión, membros dos tres consellos reitores, dous de cada un, fomos ver cooperativas por Europa. A máis pequena que vimos comercializaba o dobre de leite que se producía en Galicia, e en Francia era unha cooperativa pequena fronte a outras. Son grande eu? Non. Esas cooperativas foron medrando pouco a pouco: primeiro, pequenas cooperativas locais; logo, rexionais; despois, nacionais. Alí a primeira fusión fíxose hai 150 anos.

—Percibe realmente que o leite é visto como un dos símbolos de Galicia?

—Diría que si. Ademais son optimista sobre o sector lácteo en Galicia. Hai que facer un esforzo para que a sociedade, sobre todo fóra de Galicia, vexa o leite como unha materia prima de primeirísima calidade e como un dos símbolos de Galicia.