
O popular Amador Rego cree que o futuro do concello pasa pola mellora das infraestructuras
21 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Leva días percorrendo casa por casa todo o municipio, co que para as dúas últimas xornadas de campaña só lle queda por visitar ó 10% dos fonsagradinos. Amador Rego Murias é o novo candidato do PP en A Fonsagrada, donde o independente de Bertín Deza decidiu colgar os hábitos de político e deixar orfa a alcaldía, que hoxe se disputan tres forzas políticas. -Creo que nós temos moitas posibilidades de gañar. Temos moitos proxectos e hai moitas cousas por facer. -De conseguir a alcaldía ¿por onde empezarán? -Sería moi difícil decidir, pero unha das cousas que hai que mellorar son as infraestructuras que ten o concello. Non hai pista que esté en bo estado. Ademais, os veciños dinos que hai que mellorar o sinal de televisión e o servicio de teléfono. Hai tanto que facer .... -¿Cales son as súa preferencias en melloras da rede viaria? -Conseguir mellores vías de comunicación con Asturias, tanto por Grandas de Salime como por Santa Eulalia de Oscos. Ademais, tamén nos teriamos que poñer co formigonado dos camiños e dotar á vila da Fonsagrada do saneamento que lle falta. -¿Deixaron moitas cousas pendentes os independentes? -Non me gusta facer críticas e menos agora. Fíxenas cando tiña que facelas, que era cando ía ós plenos. -E a campaña ¿algúns dos seus rivais din que se está arriscando moito? -Eu non creo que a campaña sexa tensa. Nós levámola ben porque o único ó que nos adicamos é a informarlle á xente de cál é o noso programa. Eu vexo á oposición como adversarios, pero non como contricantes. Levo zapateado o 90% do concello e continuarei estes días. - ¿Que deixa para o final? -Queremos falar cos veciños da vila. -¿Que propostas fan vostedes para frear o despoboamento? -Vamos intentar o que sexa. Queremos que a xente que temos fóra volva e que a xente nova non se marche do municipio. Entre as ideas que presentamos para crear emprego pódolle dicir que queremos impulsar a producción agrícola e fomentar as canles de distribución de productos típicos desta zona, crear solo industrial e, quén sabe, aproveitar as enerxías alternativas. Ademais de proxectos de biomasa podería haber algún parque eólico, como o doutros concellos. Despois, tamén temos proxectos ambientais, como a creación dun punto de información na Granxa, levar a recollida de lixo a todo o concello, propoñer a creación dunha planta de transferencia e outras cousas. -¿Terá apoio doutras administracións? -Parte do programa xa o fixemos contando con el. Supoño que teremos máis vantaxe sobre outras forzas políticas. Cremos firmemente niso.