A Estibada, Estibadiña, e As Estibadas son nomes de varias localidades espalladas pola xeografía galega e tamén portuguesa. Para a etimoloxía destes topónimos temos o substantivo latino stipes ou stipa «estaca, seto». Polo tanto estivada ou estibada tería o significado orixinario de terra cercada algo así como terreo con sebes gañado ao monte para o cultivo. En latín o verbo stipare significaba rodear, cinxir. Así, temos en Cicerón: «Catilina stipatus choro juventutis» (Catilina rodeado dun coro de mozos). Na toponimia aragonesa e navarra existen La Estiva e L'Astiva, co significado de lugar fresco onde permanece o gando no verán. Nestes nomes, o étimo sería aestivum, orixe do noso estío, estiaxe, e do cultismo estival. Na pequena aldea limítrofe entre Ribeira e A Pobra, chamada Muíño Vello, existe unha leira, A Estibada, que podemos cualificar de microtopónimo agrícola.