Unha exposición no Museo do Pobo Galego recolle a tradición de Trazo
12 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.isabel sánchez COORDINADORA DO TRABALLO GAÑADOR DO PREMIO ANTÓN FRAGUAS
Máis de 200 alumnos teñen recollido parte do patrimonio inmaterial do concello de Trazo. Dende onte, o Museo do Pobo Galego acolle unha exposición coa tradición que foi pasando de pais a fillos ao longo dos séculos neste municipio da comarca ordense. Os estudantes do CPI Viaño Pequeno de Ordes inauguraron a mostra sobre A evolución da agricultura e a súa incidencia no patrimonio inmaterial, escollida no marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas deste ano. Isabel Sánchez foi unha das coordinadoras desta investigación xunto con Anselmo Vázquez que estará dispoñible para o público en xeral ata o próximo 31 de decembro.
-¿Como xurdiu a idea de realizar esta investigación sobre o patrimonio inmaterial de Trazo?
-Xa viñamos recollendo cantigas, refráns e tarefas agrícolas no centro. Cando xurdiu a oportunidade de presentarse ao Proxecto Didáctico Antonio Fraguas miramos os materiais que tiñamos e que recollemos no curso 2010-2011.
-¿Que tipo de materiais foron os escollidos?
-Pois por exemplo a medición das témporas que fixeron os rapaces e que se miden no cambio de estación e tamén a tradición oral, como cantigas e refráns. Fíxose tamén un estudo sobre as plantas medicinais e receitas antigas e recolléronse rituais como a bendición dos campos e tamén as distintas tarefas agrícolas, como pode ser a malla.
-¿Pérdese o patrimonio inmaterial?
-O patrimonio inmaterial pérdese cada vez máis. En moitísimos casos queda só como un recordo. Os alumnos demandan aos avós, que lle contan cousas como as celebracións na festa de San Lucas, que era cando se mercaban os bois.
-¿Trazo, ao ser un concello rural, conserva mellor a súa tradición?
-Si, é verdade que nas cidades aínda se perde máis rápido o patrimonio inmaterial que en lugares coma Trazo e os mozos coñéceno menos. Seguro que se sorprenden coa exposición.