María Luz Silva: «É o ano da recuperación total das hortas, non quedan terreos ermos»
AGRICULTURA
A subida de hortalizas e verduras dispara a demanda de sementes e plantas
28 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Os comercios da zona non paran nas últimas semanas de dar saída a centos de variedades de hortalizas e verduras para plantar. Nalgún momento mesmo se poden ver ringleiras de veciños á espera de ser atendidos nos distintos establecementos. Non cabe dúbida de que é tempo de traballar a horta. Unha afirmación que tamén comparte María Luz Silva Villaverde, natural de Barcia, e xerente de Comercial Vilatuxe (Lalín) que ven funcionando dende o ano 2015.
—Profesionalmente, e antes de abrir aquí, a dedicación xa era a mesma?
—O certo é que non, pero sempre me tirou o de abrir un negocio pola miña conta, e finalmente no 2015 xurdiu a posibilidade e aquí estamos.
—Como se está desenvolvendo esta tempada de horta, de plantación e sementeira?
—Francamente moi ben. Levamos unhas semanas de ben traballo. Hai moita máis xente involucrándose en poñer horta. É o ano da recuperación total das hortas, non quedan terreos ermos. A importante subida que experimentaron as verduras e as hortalizas, pero tamén o medo ao que poida pasar está facendo que todo o mundo queira plantar. O que non botaba patacas, este ano xa as sementou, e o que non plantaba nada xa está plantando... Estamos vendo tamén como moita xente apostou por volver á aldea, e iso antes non pasaba. Está sendo unha primavera moi diferente ás últimas no que a plantacións nos referimos.
—Falaba do aumento de prezos, as sementes tamén subiron?
—Algo tamén pero nada comparable coa cesta da compra. A subida foi de entre 3 e 5 céntimos, pero levaban tres ou catro anos sen subir absolutamente nada.
—Ter todas as variedades de determinadas verduras e hortalizas será tarefa imposible.
—Bueno fácil non é. Hai un abanico tan extenso de variedades que telas todas non é doado. Intento dispoñer de todas aquelas que a clientela pide e as que me parece que poden ter unha interesante saída. Antes había unha variedade de cada verdura e punto... Hoxe non sabería dicir cantas hai. Antigamente cando un cliente pedía tomate era o Tres Cantos; a variedade de toda a vida, pero agora podes escoller entre o azul, a variedade pera, normal, negro, corazón, cherry,... Tamén hai tomates de variedades híbridas, vamos que existe un mundo de opcións e iso só co tomate pero pasa co resto exactamente igual.
—A clientela pide as variedades de sempre ou é de buscar maioritariamente novidades?
—Encontras un pouco de todo. Hai xente maior que vén e pide consello, principalmente cando está a procura de variedades que granen ben e dean froito grande, e despois temos os que entran a tiro fixo sabendo exactamente o que queren plantar. O que percibo é un certo interese por experimentar con determinadas variedades que van chegando para comprobar como se comportan nesta zona. Mira, por exemplo a variedade Tres Cantos de tomate -da que falaba antes-, que é o redondo de sempre, xa non se pide tanto... As preferencias van variando.
—Xa non son sota, cabalo e rei?
—Claro que non! Hoxe os cultivos están moi diversificados e ponse de case todo. A demanda é moi moi ampla: berenxena, coliflor, col de Bruxelas, lombarda, cabaza, cabaciña, allo porro, col, pemento, tomate, leituga, chícharos, faba... Antes nas hortas había catro cultivos básicos: cebolas, pementos, tomates e leitugas pero agora a xente anímase a poñer de todo. A lombarda, por exemplo, non se cultivaba e mesmo había descoñecemento á hora de preparala; e hoxe ten unha importante demanda.
«A sandía enxertada e a semente de cenoria en tiras están espertando moito interese»
No establecemento de María Luz non só se venden sementes e plantas. Dende a apertura pensou na conveniencia de diversificar a oferta, aínda que estas semanas os traballos nas hortas copan boa parte das vendas.
—Estamos en plena tempada de plantación entón é normal que a maior demanda sexa de sementes pero tamén vendemos pensos, abonos, produtos de limpeza, fitosanitarios e algo de alimentación. Tamén hai polos, pavos e galiñas á venda. Penso que nunha tenda no rural hai que ter un pouco de todo. Estamos para dar servizo aos veciños e que poida atopar o que necesita sen ter que desprazarse.
—Por certo, no marco aínda das plantacións, que é o máis novidoso que se está plantando?
—Pois posiblemente sexa a semente de cenoria en tira de papel. É algo moi práctico. Non é necesario sacar plantas e pódense manter na horta ata final de ano. A sandía enxertada tamén está espertando moito interese. É máis grande que a sandía convencional, madura moi ben aquí nesta zona, é moi doce e a tempada pasada temos constancia dalgunha que chegou a pesar 18 quilos.
—A tempada está indo moi ben polo que conta, pero tocou tamén pasalo difícil.
—É moito. Tivemos que levar moito produtos de alimentación e pensos a domicilio que a xente tiña moito medo a saír. Foron meses moi duros para todos! E non vexas a gratitude de moitos ao prestarlles ese servizo, sobre todo en xente de certa idade.
—Que ten en proxecto?
—Cambiei o pobo pola aldea e non me arrepinto, eu que era de asfalto... E agora que estou tan a gusto aquí gustaríame poder abrir outro local así noutra aldea onde a xente pode vir en zapatillas de casa a mercar, e entrar con toda naturalidade.