Patrocinado porPatrocinado por

Estudou finanzas e márketing, pero gústanlle as vacas e quixo seguir coa saga familiar: «Meu avó empezou coa granxa en Fene nos anos 50»

ANA F. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

AGRICULTURA

Carlos compaxina o coida das súas vacas en Limodre (na foto) e Pontedeume co traballo na granxa Romero, en San Sadurniño
Carlos compaxina o coida das súas vacas en Limodre (na foto) e Pontedeume co traballo na granxa Romero, en San Sadurniño JOSE PARDO

O eumés Carlos Mosquera fíxose cunha vaca en Pontedeume hai tres anos e agora ten dez, oito delas no Campanario, en Limodre

16 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Mosquera (Pontedeume, 27 anos) non quería que seu avó materno e padriño, Santiago González, veciño de Limodre, «se fora sen volver ver vacas no Campanario». É o lugar onde vive este fenés de 87 anos, e hai uns días que veu como as vacas pacían outra vez nas fincas da familia, ao pé do cemiterio. Alí foi onde el montou de rapaz, a finais dos 50, a súa granxa de leite, que despois pasou ao seu fillo Tonucho, que faleceu repentinamente hai oito anos. «Cando morreu meu tío houbo dous enterros, o del e outro á semana, cando se foron as vacas... meu avó pechouse na casa. Foron a súa vida».

Este rapaz, que estudou o ciclo medio de Administración e Finanzas e o superior de Comercio de Márketing pero devece pola gandaría, tamén quería renderlles unha homenaxe á súa avoa e madriña, Lola Ríos (a muller de Santiago, orixinaria de Vilar, en Pontedeume), que xa morreu, e a seu tío. Representa á terceira xeración dunha saga de gandeiros, interrompida durante oito anos, desde que «houbo que desfacerse das vacas» polo falecemento de Tonucho. O neto fala dos inicios: «Meu avó foi comprando terras por alí... el e miña avoa facían moitos cartos, o leite recollíanllelo [unha empresa], pero miña madriña facía queixos frescos e meu padriño ía vendelos ás prazas a Ferrol e Ares, e á feira das Casas Baratas (Ferrol). Tamén vendía o que cultivaban na horta, repolos, leitugas...».

Despois, cando chegou a hora de xubilarse, a granxa pasou a mans de Tonucho. «El só se dedicaba ás vacas, pero meu padriño aínda seguiu indo ás prazas ata que morreu meu tío. Daquela parou», relata. Carlos criouse en Pontedeume: «Pero estaba moito en Limodre, de neno e despois, porque había que botar unha man». E sen pretendelo, seu avó foille transmitindo a súa paixón polo gando, que se manifestou hai tres anos. «Empecei en Pontedeume, no 2021, cunha vaca. Un veciño levaba unha finca da nosa familia e tiña unha vaca, o señor enfermou e foise facendo maior e quedei coa vaca», repasa. Agora ten dez, cinco delas preñadas, oito no Campanario (levounas hai pouco máis dunha semana) e dúas en Pontedeume. «Son de raza rubia galega. O obxectivo é ir crecendo pouco a pouco. Non sei se quero vivir disto, pero si espero poder ter uns ingresos nun futuro», explica.

Agora compaxina o coidado dos seus animais co traballo na granxa Romero, en San Sadurniño, de onde sae o leite da coñecida marca Bohal. «Estou moi agradecido das facilidades que me poñen, non teñen problema en que vaia pola mañá ata Limodre se, por exemplo, veñen da Xunta vacinar as vacas», subliña. Porque, aclara, «atención necesitan, dan moito que facer, sobre todo ao principio». Dispón dun comedeiro portátil, ensila herba e ten algo de forraxe para complementar a súa alimentación. «Problema de superficie non teño, salvo que é de máis... aproveito e fago silo, e se me sobra véndoo (agora hai bastante mercado pola suba que tiveron os pensos)», indica.

Falta de axudas públicas

De momento non pensa en comercializar a carne: «Insemínoas para que saian femias. En tres anos vendín un becerro. O obxectivo é aumentar familia. A venda xa será outro paso». O maior obstáculo que atopa vén das Administracións: «Só dan axudas ás persoas que se dedican profesionalmente a isto, e non todo o mundo pode empezar así, polo tema dos animais, da economía ou da extensión, polo que sexa. Creo que habería que apoiar á xente que ten quince ou vinte vacas, aínda que non viva só diso, porque axudas a coidar o entorno. Nun futuro, isto ao mellor é unha fonte de ingresos, pero de momento todo son gastos, vinte mil euros do tractor, as vacas (por menos de 1.500 ou 2.000 euros non hai, para dar cría)... logo te metes en 50.000 euros e non xeras beneficios ata dentro de dous, tres, catro anos ou máis. E para obter a axuda para incorporación como novo gandeiro tes que ter un mínimo de 28 cabezas, pero danche só dous anos, e iso é moi complicado».

A Carlos págalle a pena o esforzo: «Gústame... porque me criei entre vacas. Que me aporta? Problemas coa parella e coa familia [risas], durmir pouco, ter pouca vida social...». Pero sabe que seu avó e padriño, aínda que ás veces trate de disuadilo e mesmo dubide da súa capacidade para ser gandeiro, no fondo está orgulloso. «Non cho di, pero si, está contento». Non pensou que foran volver as vacas ao Campanario.