O profesor de 75 anos dos novos apicultores da provincia de Ourense 

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA OURENSE / LA VOZ

AGRICULTURA

Román Cid no apiario dunha das novas apicultoras á que axudou a introducirse no sector
Román Cid no apiario dunha das novas apicultoras á que axudou a introducirse no sector MIGUEL VILLAR

Román Cid é un dos abelleiros veteranos, combatiu á varroa e agora apoia ás incorporacións a través de Abellas Nais

25 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos dos novos apicultores da provincia teñen un referente común: Román Cid. Este abelleiro de Cartelle leva décadas sustentando o sector do mel ourensán. Primeiro foi quen de salvar numerosas colmeas da praga da varroa e dende hai anos apoia novas vocacións a través da asociación Abellas Nais. Acaba de dimitir como presidente despois de dez anos pero iso non diminúe as horas que dedica a formar aos abelleiros noveles. «Estou moi orgulloso de que tanta xente nova se faga socia e se interese polo mel», asume.

O veterano apicultor naceu en Outumuro, en Cartelle, pero viviu por toda Galicia: na capital de Ourense, en Santiago ou en Becerreá. Na vila de Lugo foi onde chegou de pequeno ao mundo das abellas. Alí estaba traballando seu pai e lembra xogar con outros nenos a ladróns e policías entre as colmeas. «E non nos picaban!», relata. Pode que fose a primeira sinal de que tería unha boa relación cas abellas, aínda que o paso a ser produtor fora por accidente. Román estudou Socioloxía en Madrid pero aprendeu «moitas máis cousas», como serigrafía. Na súa volta a Galicia abriu un taller desta artesanía en Celanova pero sufriu unha intoxicación: «O médico díxome: ou a serigrafía ou ti». Nese momento fixo un curso de apicultura e así entrou no «vicio» das abellas.

Eran os últimos anos da década dos 80 e lanzouse a comprar dez cortizos en Olelas, na Baixa Limia. «Preferino así porque sabía que eran abellas do país, aínda que dera máis traballo», explica. Daquelas a produción de mel era moi boa, non había varroa, nin velutina e na Limia nin sequera autovía ou embalse: «No río Limia só vías apiarios a dereita e a esquerda, como tiñan carapuchos parecían pallozas antigas, era moi bonito». Chegou a ver campos con 300 cortizos. O mel aínda era un recurso económico da gran valor e con bo prezo. Despois desa primeira inversión deu a o paso a adquirir colmeas modernas. Tívoas todas en Celanova e A Bola. Coidaba 220 invernando e na primavera eran o triplo para vender tamén enxames.

Estudos ante o declive do rural

Aínda que Román di que non era profesional —compaxinou a apicultura co seu taller no que pasou a traballar só con tela—, foi pioneiro es especializarse para poder facer un bo manexo das colmeas. Formouse en numerosos cursos e congresos por España ou Europa, entre os que destaca una beca do Inorde e os estudos recibidos en Francia. «Os franceses foron os meus profesores a distancia», asume. A formación naquel momento entre os abelleiros era «regulera», pero se un quería podía facelo con tempo e interese. Estudar foi vital para poder superar todos os problemas que consecutivamente comezaron a ameazar o sector.

Román relata que a explosión da varroa fixo que numerosos apicultores abandonaran o oficio. «Ao principio estábamos perdidos, eu orienteime cos franceses», relata. Puido salvar as súas colmeas e ensinar a moitos outros a que as súas sobrevivisen. Esta enfermidade xuntouse co declive do rural, cando se agudizou a emigración á cidade. Pero o apicultor de Cartelle resistiu.

Pola súa implicación no sector fundou a asociación Abellas Nais no 2015, que define como un traballo colectivo. Resalta o apoio de José Manuel García, Alfredo Montes e Xosé Antonio «Bruñas». Comezaron sendo 40 membros con 2.000 colmeas e agora son 150 cunhas 20.000. «A xente nova anímase pero primeiro explicámoslle ben todo o que hai», asegura Román. Os apicultores seguen loitando contra a varroa, ademais da velutina, o cambio climático e a «desprotección» da comunidade europea. «Estamos rodeados de inimigos», sentencia. Dende a entidade asesoran e ensinan a calquera que se sinta atraído pola apicultura, incluso se non sabe como comezar: «Facémoslle un seguimento máis estrito e listo». Román xa pasa máis tempo case nas colmeas dos demais que nas súas, as cales diminuíron e herdounas a súa filla para autoconsumo. Ve o futuro do sector «branco e negro», con luz só para os que queren facer as cousas ben.

Artista, lector e apaixonado da agricultura

O xa expresidente de Abellas Nais deu un paso atrás para «dimitir das guerras cas administracións» e liberarse do peso dos trámites burocráticos. Pero a súa implicación na entidade segue sendo a mesma. Aos seus 75 nos cre que lle chegou o momento de facer moitas cousas que ata agora deixou nun segundo plano. A primeira que destaca é saldar contas ca fila de libros pendentes da mesa de noite: «Estaba aí dende hai dez anos, cada vez que a vía facíame dano!». Aínda que dedicou gran parte da súa vida á arte da serigrafía agora xa non a practica. Os últimos traballos que fixo foron para unha exposición de Virxilio en Alemaña.

O día que conta a súa traxectoria o único deber que ten é sacar a leira. É un home do rural e que sempre foi un apaixonado da agricultura. Confesa que se volvera ter 30 anos, como cando comprou as primeiras colmeas, pensaría ben se facelo: «Igual tería invernadoiros ou marcharía para Europa a traballar, que era a miña intención de novo». Ao final acabou sendo profesor.

DNI

Quen é. Román Cid naceu en Outumuro (Cartelle) hai 75 anos.

Ocupación. Empezou na apicultura a finais dos anos 80. Compaxinou a produción de mel cun taller de serigrafía. É un dos abelleiros veteranos da provincia. Foi presidente durante dez anos da asociación Abellas Nais, a través da cal asesora aos novos interesados.

O seu espazo. Un apiario dunha das súas «alumnas», en Vilar de Santos. A formación é do que máis goza actualmente.