O abandono do monte e a recollida indiscriminada afectan a esta riqueza culinaria
07 dic 2021 . Actualizado a las 12:52 h.A escaseza de chuvia e o intenso frío deste outono son a causa dunha importante caída na recollida de cogomelos no Deza e Tabeirós-Montes que se traduce nunha tempada mala para os afeccionados á micoloxía. Os exemplares de outubro e novembro foron menos ca en tempadas anteriores e presentaban perda de cor, esgazaduras e malformacións físicas ou ataques doutros fungos e vermes. Nos inicios de decembro quedan as especies máis resistentes ás baixas temperaturas, reflexo do fin da tempada silvestre forte de 2021.
Arrancaba moi ben no mes de setembro pasado pola humidade que existía na terra tralas chuvias do verán. Houbo nos primeiros compases da tempada unha importante cantidade de Boletus no monte, sobre todo o pouco habitual e excelente comestible B. Aereus. Pero a ausencia prolongada de precipitacións e a forte oscilación térmica teñen como resultado que a tempada actual sexa cualificada como mala. O paseo lalinense do Pontiñas presentaba días pasados exemplares da excelente Lepista nuda ou Pé azul cunha tonalidade máis clara do habitual e con importante presenza de vermes. Contrasta fortemente a tonalidade lila intensa das lamelas coa cor case branca o sombreiro, efecto do exceso de luminosidade e seca previa. Tamén no mesmo contorno aparecían exemplares do xénero Russula con aspecto deshidratado ou Lactarius necator en avanzado estado de putrefacción, malia ser exemplares novos.
O cambio climático, o abandono do monte pola despoboación rural e a recollida indiscriminada do cogomelos para a comercialización sen control están, dalgún xeito, acabando con parte da riqueza micolóxica natural. Moitas especies aparecen en menor cantidade e outras directamente non saen moitos anos, aínda que si poden aparecer exemplares máis habituais noutras latitudes máis cálidas. Cómpre sinalar que, malia a menor cantidade de especies, saen exemplares comestibles, sen valor e tamén tóxicas, incluso mortais. A micoloxía é unha ciencia en constante avance e estudo. Cada vez hai máis divulgación e investigación, pero queda moito por facer. A micofobia de hai 40 anos vai mudando a unha micofilia coa que debemos ser prudentes e valorar as propiedades medicinais de moitos cogomelos. Temos tamén que aprender a cociñalos e introducilos de xeito ordenado na nosa dieta.
Recordar que non existen regras populares de identificación e resulta imprescindible a formación botánica e a precaución á hora de saír ao monte a por cogomelos. Ademais existe unha normativa que debe cumprir todo afeccionado baseada nunha serie de boas prácticas para preservar esta riqueza. A cantidade máxima a recoller por día é de dous quilos, extraendo o exemplar coa axuda dunha navalla e transportando os cogomelos en cestos abertos que permitan a caída das esporas e non se deterioren. Non se deben recoller exemplares moi novos nin moi maduros. Hai que ter en conta a propiedade da terra cando imos recoller cogomelos e a posible existencia dun coto micolóxico que debe estar sinalizado.
Mercedes Nodar: «Saíron en moi pouco tempo e desapareceron con rapidez»
Mercedes Nodar, do colectivo micolóxico da Estrada, relata que no mes de outubro houbo moitas especies que saíron «en moi pouco tempo e desapareceron con rapidez» como os Boletus. Novembro, con ausencia de precipitacións o frío adiantouse, do mesmo xeito que as especies comestibles que máis resisten as baixas temperaturas, como o Cratherellus tubaeformis ou o Hydnum repandum, propias do inverno. Mercedes Nodar define a tempada como «de floración apurada e estraña». O colectivo estradense voltou a orgaizar saídas ao monte para recollida e identificación de exemplares.
O farmacéutico e divulgador micolóxico, Alberto Granja, de Lalín, non dubida en cualificar como «mala» a tempada silvestre de cogomelos deste ano, das peores que recorda. Sinala que este ano non tivo moitas consultas para identificar exemplares nin presencialmente no despacho de farmacia, nin telematicamente, e advirte que especies como Agaricus nin as viu. Relata como curiosidade que a súa experiencia di que os anos nos que os «carballos conservan a folla moito tempo» como neste 2021, se traduce nun mal ano de cogomelos.
Fotografía micolóxica
Á marxe da saída para a recollida de cogomelos para o consumo, sempre resulta interesante gozar da fotografía micolóxica, a identificación de especies, análise botánica e outras facetas que non se traduzan sempre na micofaxia. Son moitos os afeccionados que saen ao monte e recollen parte do lixo existente e que son unha ameaza no medio natural, entre outras cuestións, á marxe da recollida de cogomelos, acción saudable e recomendable.