Rita Fandiño, maquinista forestal: «No colexio dos fillos chámalles a atención que traballe no monte, a mestra dilles que son unha superheroína»
FORESTAL
![](https://img.lavdg.com/sc/fcIdyTuB3t8eDMdNOzSSaB7oKrc=/480x/2022/03/07/00121646665862410419711/Foto/F07M2001.jpg)
Leva catorce anos traballando no sector e recoñece que «ao principio, os madeireiros dicían ?a onde irá esta muller??, pero ao día de hoxe non»
09 mar 2022 . Actualizado a las 14:14 h.Rita Fandiño López (Santiago, 1986) leva catorce anos de maquinista forestal. Cursou o ciclo medio de FP de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural, en Silleda, e empezou a traballar «no que había, supermercados, tendas...». «Pero como non atopaban obreiros na empresa do meu sogro [Antonio Villaverde, S. L.], púxenme eu. Vaste metendo, ves que che gusta, é algo que che permite estar fóra [estar pechada non me ía nada]...», explica. E ata hoxe, ben manexando a procesadora, ben o autocargador.
—Que se manexa mellor?
—Manexo os dous. A procesadora é máis tranquila, pero é máis fácil andar no autocargador, aínda que resulta máis complicado porque moitas veces teste que meter con el en sitios difíciles.
—Require forza física?
—Non... Cando hai unha rotura grande si que necesitas axuda [moitas veces tamén aínda que sexa un home], para as pequenas arréglome eu de sobra. É máis importante ter maña que forza.
—Sentiuse discriminada?
—Nunca batín con ninguén pechado... Ao principio, os madeireiros dicían ‘a onde irá esta muller?’, pero ao día de hoxe non. Unha muller non ten a mesma forza ca un home, pero moitas veces prefiren mulleres porque somos máis curiosas no traballo.
—Permítelle conciliar?
—Por iso nos últimos tempos me metín máis co autocargador, porque agora na empresa hai máis empregados [cando eu empecei estabamos só o meu sogro, o meu home e máis eu], e quedas libre antes. Ao ser unha empresa pequena, organizo quendas co meu home. Temos dous fillos, de sete e nove anos. No primeiro embarazo si que tiven algún problema porque non me querían dar a baixa porque ese traballo non era coñecido e non sabían os riscos que tiña. Ás veces hai que saltar por riba das rodas ou tirar do cable, podes tropezar... e no momento en que tes barriga tes que parar.
—E que din os nenos do traballo da súa nai?
—No colexio chámalles a atención que traballe no monte, cando llo contaron á profesora díxolles que son unha superheroína, séntense orgullosos, gústalles.