
El SLG explica que no marco dese organismo Medio Rural debe arbitrar un diálogo para que acabar coas anomalías de mercado que discriminan aos productores galegos.
17 ene 2020 . Actualizado a las 16:16 h.Aínda que o prezo do leite experimentou un incremento nos últimos meses, o escenario en Galicia continúa mostrando como esta é unha das comunidades co prezo máis baixo en España. Esa é a razón pola que o Sindicato Labrego Galego (SLG) reclama a convocatoria urxente da Mesa do Leite, un instrumento a través do que, como din, dende a organización agraria a Consellería de Medio Rural debería de actuar de mediadora para acabar coas anomalías de mercado que discriminan aos productores galegos.
Dende a organización defenden a súa demanda apoiándose en que o prezo medio en novembro do ano pasado foi de 32,6 céntimos, estando lonxe da media española que está en 34 céntimos e a europea que acadou os 35,31 céntimos. E compara tamén con outras comunidades: en Castela e León cobran 34,2 céntimos e en Asturias 35,7 céntimos.
Neste senso, din dende a organización agraria, que a tendencia á alza na UE fixo que, «dende xuño a decembro, a prezo medio comunitario subise un 6,4 %, unha tendencia que tamén se deu no resto do Estado e en Galicia, pero aquí o aumento do prezo continúa deixándonos no último posto do Estado».
Por outra banda, entenden que a convocatoria da Mesa do Leite é urxente dende o momento no que a industria está negociando novos contratos cos gandeiros. Explican que, «aínda que dende a Consellaría de Medio Rural e dende o Ministerio de Agricultura esgrimen que non é posible negociar prezos por ir contra as regras do mercado; en países veciños como Francia chegouse recentemente a un acordo grazas á mediación do Goberno, que conseguiu que Lactalis, a principal industria que opera en Galiza, lle pague ás granxas galas 35'5 céntimos por litro, o que supón unha suba do 7'5 % con respecto aos 33 céntimos que pagaba antes das negociacións». dende lactalis explicaron no seu día que a norma francesa é diferente á española e que, de tódolos xeitos, están dispostos a dialogar para buscar un acordo favorable a todos.