Patrocinado porPatrocinado por

«O modelo de ter mil vacas en varias granxas, a multiexplotación, é viable e vai ter futuro»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

GANADERÍA

Veiga cre que o sector lácteo galego soubo adaptarse ben a unha produción con baixo custo
Veiga cre que o sector lácteo galego soubo adaptarse ben a unha produción con baixo custo PALACIOS

Xosé Carlos Vega ten cadansúa explotación en Castro de Rei, en Pol e en Cospeito, cun total de 1.320 cabezas

27 may 2021 . Actualizado a las 09:26 h.

Se Galicia é realmente, con estatísticas na man, o país do millón de vacas, a Xosé Carlos Vega correspóndelle máis dunha milésima parte nese territorio: pode presentar os seus 1.320 animais, repartidos en tres explotacións, como proba fiable para esa reclamación. A súa traxectoria comezou na explotación familiar, situada na parroquia de Santa Locaia (Castro de Rei).

A granxa familiar converteuse nunha explotación de 380 vacas. Despois comprou Chaín, cooperativa creada en Santo André de Ferreiros (Pol), a comezos dos noventa, por cinco gandeiros. Esa explotación ten hoxe unhas 470 cabezas, practicamente as mesmas ca a explotación de Xermar (Cospeito), Xerlea, mercada pouco despois. Cada unha funciona de maneira independente.

-Sempre quixo ser gandeiro?

-É desas cousas que nunca tes claras [ri]. Aínda non a teño clara hoxe [ri outra vez]. Críaste nisto... Tiven a sorte de que meus pais nunca me ensinaron o mundo das vacas coma algo malo, que era algo habitual daquela. Tiven ademais a vantaxe de que meus pais nunca foron un problema para min ao expoñerlles investimentos ou proxectos novos. A granxa de Santa Locaia, por exemplo, sempre a recordo medrando.

-Cal é o futuro: ten que haber granxas pequenas ou de mil vacas?

-Claramente, ten que haber de todo. Queda cada vez menos xente dedicada a isto: ou se ten algo de marxe ou ninguén vai querer dedicarse á gandaría de leite.

-Hai que ver realmente o campo coma un negocio, cos seus investimentos e cos seus beneficios?

-Hai xente á que lle parece mal falar de cartos. Pero hai que reivindicar que o campo sexa un negocio, porque se non obteño rendemento, non fago investimentos. Non é demasiado difícil botar contas, porque hoxe unha granxa é una pequena empresa: unha empresa coas súas particularidades, pero os números teñen que dar.

-Fálase estes meses da Política Agraria Común (PAC) e de cuestións coma o aumento dos criterios ambientais no traballo no campo. Que é a PAC para as explotacións gandeiras, unha ameaza ou unha oportunidade?

-Creo que aínda non se sabe exactamente como vai quedar, pero penso que penaliza un pouco ás explotacións grandes. As explotacións grandes deféndense polo mercado, porque é a maneira máis barata de producir alimentos de calidade. Ao final impóñense as explotacións grandes, porque son as que teñen capacidade para facer as cousas. A cuestión ambiental, que é cara, esixe investimentos; e se non tes marxe de beneficio, é moi difícil afrontar eses investimentos.

-Cando se fala do prezo do leite en Galicia, máis baixo ca noutras comunidades autónomas, fálase dun problema de Galicia ou do campo en xeral?

-É un problema do campo, pero un problema que se dá en calquera parte. Hai un mercado internacional, que nos afecta a todos, e o nacional, cos seus matices. Por exemplo, Asturias ten unha marca que vende, que vai nunha liña... Galicia non ten nada que ver, na produción de leite, con Asturias. Galicia está nunha esquina e produce case o 40 % do leite de España: ese leite ten que saír fóra, porque aquí non hai poboación para ese consumo. Ao ser un territorio exportador, é normal que teñamos o leite máis barato.

-Cal é a consecuencia dese prezo máis baixo no traballo diario?

-O sector, paradoxalmente, evolucionou máis. De feito, o sector leiteiro é máis dinámico en Galicia, e as granxas galegas son competitivas a nivel mundial, porque aprenderon a producir con baixos custos.

-Como hai que ver o futuro. É viable o modelo de ter máis de mil vacas?

-Hai unha Política Agraria Común, que é unha das cousas que a Unión Europea ten en común: todo o que ten que ver con Europa ten que ver connosco. Non queda xente nova no campo, e iso é un problema. Hai solucións que poden vir da man da tecnoloxía: problemas coma o do risco de contaminación por purín, por exemplo, vanse resolver pola vía da técnica. Creo que o modelo de ter mil vacas en varias granxas, o concepto de multiexplotación, é viable e vai ter futuro.

 «Non ten sentido que un gandeiro gañe 800 euros ao mes»

 Vega lembra que a comezos dos anos noventa ten acudido a cursos de formación que se celebraban na escola de capacitación agraria de Benquerencia (Barreiros). Daquela falábase de cuestións coma as cotas lácteas, que semellaban asuntos de lonxe porque viñan da Unión Europea. Anos despois, engade, coñeceu de preto o sector leiteiro en Bretaña e en Normandía, e as viaxes a eses territorios franceses serviron para romper tópicos e sensacións de inferioridade. «O sentir común, o politicamente correcto, son as explotacións pequenas. Pero o sector gandeiro en Francia vai decrecendo, non vexo dinamismo. Alí pechan explotacións todos os anos, e non hai xente nova para reposición; así pois, ese sistema non é atractivo para a xente nova». Vega, que ten un sobriño incorporado ás sociedades e que agora non pensa en comprar máis granxas, subliña que os beneficios son a clave que explica a situación do campo. «Non ten sentido que un gandeiro gañe, por exemplo, 800 euros ao mes», di.

Comezo.

Xosé Carlos Vega naceu en Santa Locaia (Castro de Rei) hai 51 anos. Comezou a traballar na gandaría familiar.

Evolución.

A primeira explotación súa foi Reigada, creada sobre o negocio familiar. No 2018 comprou Chaín, granxa situada no concello de Pol, e no 2019, Xerlea, situada no de Cospeito.

Actividade.

As tres teñen en total 1.320 vacas e unha produción diaria de 26.000 litros de leite. Entre as tres hai 23 traballadores.