«O porco celta debera entrar no menú de comedores escolares e de residencias de maiores»
GANADERÍA
O presidente e o director técnico de Asoporcel cren que o interese de novos produtores amosa a posibilidade de crecemento dun sector que leva anos medrando
01 ago 2021 . Actualizado a las 22:08 h.A asociación de criadores de porco celta (Asoporcel) acadou unha das distincións deste ano nos Premios Galicia Alimentación, que concede o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A esa satisfacción engádese a sensación, apoiada en datos, de que o colectivo segue a medrar en produción e en número de socios. Para o presidente, José Barreira, e para o director técnico, Iván Rodríguez, a situación amosa razóns para o optimismo: «A demanda de porco celta é superior á oferta», di o segundo.
—A cría de porco celta comezou sendo unha actividade complementaria. Deu xa o salto para converterse en principal?
—[Iván Rodríguez] Hoxe xa se ve como actividade principal. O que se quere é profesionalizar o sector, non industrializalo. Temos que acadar explotacións sustentables e eficientes.
—[José Barreira] Está ben ter complementos na economía; pero a cría de raza de porco celta ten que ser tamén un medio de vida para a xente. Poden convivir os dous modelos sempre que non sexa algo industrializado, xaora.
—Se medra o número de explotacións e aumentan os animais, hai risco de que baixe o prezo da carne de porco celta?
—[I. R.] Aínda hai mercado parra medrar. Hai anos, comentábase que os chineses levarían toda a produción de porco celta se houbese contedores para transportala. E hai países que valoran o noso máis ca nós: debemos crer no que temos aquí.
—[J. B.] O porco celta é un produto de alta cociña, pero debera entrar no menú de comedores escolares e de residencias de maiores. É un produto que vale, pola calidade, para a alta cociña pero tamén para entrar neses menús.
—[(I.R.] O neno come algo no colexio e chega á casa dicindo ‘comín isto no colexio, estaba bo'.
—Hai algunha experiencia que axude a pensar na eficacia desa posibilidade?
—[I. R.] Falei con xente da cociña dalgún hospital que me dixo que a carne era espectacular. Un díxome que fixera un menú con pasta e carne de porco celta e que había tempo que as bandexas da comida non volvían tan limpas.
—[J.B.] Son necesarias as axudas das administracións. Que se aposte no sector público por consumir o produto é a mellor maneira de tirar proveito das axudas que haxa.
—Parece que a pandemia serviu para dar máis valor ao produto de proximidade. Nótase tamén no caso do porco celta?
—[I. R.] Valórase máis. Hoxe, nos restaurantes, vese cada vez máis porco celta e a xente descóbreo. Tamén axuda a mentalidade de que no porco se tira proveito de todo: a matanza é unha tradición en Galicia, pero tamén se poden ter, por exemplo, hamburguesas de porco celta. Vese en que temos un bo ritmo de sacrificios de porco celta.
—[J. B.] É unha carne que se pode cociñar de moitas maneiras. Creo que aínda hai moito por descubrir.
—Visto dende fóra, un premio coma o do Clusaga pode interprestarse como un recoñecemento ao labor de Asoporcel. Como se analiza dende dentro?
—[I. R.] Sobre todo, é un premio para os gandeiros, que son os que traballan todos os días. Aínda que o premio sexa recollido polo presidente ou pola directiva, todo o mundo ten o seu papel. Por outra banda, non hai máis que ver os outros premiados: estamos a anos luz. [Os outros premios foron para Calvo, Nueva Pescanova, 3D Essence Food, Gadisa Retail (Gadis) e Río de Galicia].
— [J. B.] Supón un recoñecemento e un ánimo.
—Cambia algo na maneira de criar os animais?
—[I. R.] Isto é unha volta ao tradicional. O reto é que sexa unha actividade rendible e sustentable. Téntase que Asoporcel sexa unha axuda para que os gandeiros vivan disto.
—[J. B.] Se isto che permite recuperar terras ou previr incendios, mellor.
Mercaproximidade, unha axuda cando pechou a hostalaría
No 2020, ano da pandemia, sacrificáronse máis animais ca no 2019: Asoporcel pasou de 153.000 a 200.000 quilos. Iván Rodríguez comenta que a hostalaría é a principal saída do produto, aínda que o ano pasado, cos negocios pechados durante meses, medraron as vendas en tendas e en supermercados. Rodríguez afirma que a iniciativa Mercaproximidade, promovida pola Xunta para promocionar produtos agroalimentarios galegos, foi boa unha axuda.