A feira Abanca Semana Verde volverá en setembro cunha versión reducida a tres días de actividades
GANADERÍA
Será unha edición de transición para recuperar no 2022 a data habitual, en xuño
19 ago 2021 . Actualizado a las 10:52 h.A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia está a ultimar estes días a súa edición especial de 2021, que terá lugar do 3 ao 5 de setembro en Silleda. Este emblemático certame trasladou as súas datas de xuño a setembro debido á situación sanitaria, podendo así manter a súa celebración co obxectivo de reactivar as empresas e reanudar a interacción entre oferta e demanda, así coma o ocio seguro. Esta cita supón unha edición de transición para recuperar en 2022 as datas habituais do maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular.
De cara a esta edición, que conta con tres días de duración en lugar de catro como era habitual, a feira está inmersa na organización da súa área expositiva e a dos seus certames paralelos. Contará co Salón de Alimentación do Atlántico, o Turístico de Galicia, a Feira de Festas de Interese Turística e a Feira de Caza, Pesca e Natureza. Así mesmo, estase deseñando o programa de actividades desta edición.
Ademais, durante estas tres xornadas os asistentes poderán gozar dunha exhibición de pastoreo ofrecida polo rapador e coidador de rabaño Rubén Cano; e do adestrador canino da academia Inducan Daniel Illescas. Esta actividade presentará formato de seminario e incluirá o pastoreo deportivo e o de utilidade.
Este mítico evento pretende fusionar negocio e entretemento, de modo que os expositores poidan rentabilizar a súa presenza e o público gozar da xornada, pero priorizando a saúde. Dende a organización elaborouse un plan de continxencia do covid presentado pola Dirección Xeral de Saúde da Xunta de Galicia no que se establecen as medidas previas á celebración da feira.