Patrocinado porPatrocinado por

Ana Corredoira: «As granxas pequenas están condenadas a pechar a porta»

GANADERÍA

ALBERTO LÓPEZ

Esta bióloga de Palas de Rei dirixe a granxa A Cernada, unha explotación láctea familiar de produción ecolóxica. Desde setembro envasa e comercializa o seu leite, a través da cooperativa As vacas da Ulloa, da man doutra gandeira de Monterroso. Sen máis é a marca, toda unha aposta polo rural

19 dic 2021 . Actualizado a las 11:03 h.

Ana Corredoira (Palas de Rei, 32 anos) é bióloga e gandeira. No 2014, a raíz da morte do seu pai, tivo que asumir a dirección da explotación familiar, a granxa A Cernada, co apoio do seu irmán, Julio, tres anos máis novo, químico e doutorando. «Este era o proxecto dos nosos pais, que naceu coa súa historia persoal. Criáronse nesta aldea [A Cernada] os dous, saíron fóra e casaron no 87. Empezaron co modelo de gandaría que había daquela e despois pasaron ao formato profesional de produción de leite», explica. Xa no 2012, os seus pais promoveron o cambio á liña ecolóxica, ao tempo que montaban a súa propia fábrica para envasar o seu leite. A iniciativa parou ao morrer o seu pai, ata que Ana o retomou, da man doutra gandeira, Marta Álvarez, titular da granxa Maruxa, de Monterroso. Xuntas crearon a cooperativa As vacas da Ulloa, que leva catro meses envasando, transformando e comercializando o leite das dúas explotacións, baixo a marca Sen máis.

—Leite, sen máis...

—É unha declaración de intencións. A nosa idea é poñer en valor o produto do noso traballo e esforzo, leite fresco, envasado en botellas de vidro, sen máis. Partimos das instalacións que montaron os meus pais na Cernada, ampliámolas e mellorámolas. Sacamos ao mercado o primeiro leite, pasteurizado, fresco, sen máis.

—Como fan a distribución?

—Asumímola nós, nunha furgoneta de frío. De momento temos dúas rutas de reparto, unha pola zona máis próxima, ata Chantada, e outra que chega a Lugo, Santiago e A Coruña. A idea é ir ampliando e abarcando máis territorio galego, e non só co leite senón tamén derivados coma o iogur. O leite é a nosa insignia.

—É unha aposta forte nun momento difícil para o sector.

—Queremos poñer en valor o noso traballo. Non existe un reparto de valor ao longo da cadea alimentaria. A parte da industria é importante, a da distribución tamén, pero o primeiro eslavón somos as produtoras, imprescindibles, e dese valor que se xera nada chega a nós. Dáse unha situación cíclica de crises. Agora, o principal problema é que os custes aumentan pola suba das materias primas, da electricidade, dos insumos da granxa, e iso fai insostible a situación porque non podemos repercutilo no noso prezo. Non temos capacidade de negociación coa industria e lévanos a vender por debaixo dos custes, cando temos unha lei de cadea alimentaria que ten que garantir que ningún eslavón venda a perdas. É necesario e urxente que se cumpra. Levamos anos a perdas e, así, as granxas pequenas e familiares non teñen futuro e están condenadas a ter que pechar as portas. No contexto actual é moi difícil promover o relevo xeracional e estamos perdendo moito capital humano no rural. Tamén somos axentes ambientais. Proporcionamos alimentación á sociedade e coidamos do medio.

—A que o atribúe?

—Temos un problema de comunicación e de discurso. Ás veces interprétase mal, e na urbe a resposta é de escepticismo, din ‘é imposible que traballen a perdas', banalízase moito o noso traballo, parece que só nos queixamos dos prezos baixos. Pero é unha realidade, que supuxo unha enorme caída do número de granxas en Galicia, de 400 a 600 menos desde 2020, cando somos a principal rexión produtora de leite de España e a oitava de Europa.

—Que máis problemas teñen?

—O rural, o interior de Lugo e Ourense, sofre unha grave crise demográfica, cunha densidade de poboación baixísima. Iso é un problema porque o noso sector ten demanda de man de obra e é moi difícil atopar xente, hai moita rotación. O noso traballo é unha forma de vida, pero eu necesito os mesmos servizos ca unha persoa que vive na cidade, e xa non me vou ao ocio, senón cousas básicas como as comunicacións [...]. Levantar a fábrica foi un reto, con moitísimos baches, que non existirían se fora nun polígono industrial. Cando a produción primaria debe estar aquí, ese é o valor do territorio e de Galicia. Levala lonxe non ten sentido. Son gandeira, coido das vacas e da terra que custodio, para asegurar a súa fertilidade no futuro, e proporciono alimentación de calidade e segura á sociedade. É importante pechar o círculo.

«A muller lidera o emprendemento no agro, pero non chega onde se toman as decisións»

 

A. F. C.

Ana Corredoira non entende por que se penalizan «as cousas ben feitas», acordes coa filosofía dalgunhas normativas da Unión Europea que priman a produción ecolóxica e sostible. «Temos que asumir o que nos vén imposto, en materia de sostibilidade, coidado do medio, biodiversidade ou xestións de recursos, para dar resposta á crecente demanda da sociedade de produtos de calidade [...]. Somos os principais actores da solución do problema da emerxencia climática. É inxusto que se sitúe a produción gandeira como parte do problema [polas emisións de metano ou os xurros]», reflexiona. Ela herdou a motivación para pelexar e avanzar: «Os meus pais xa entendían, cando fixeron a reconversión ao certificado ecolóxico, que non valía producir de calquera maneira».

—Ten máis dificultades por ser muller?

—Tiven a sorte de que unha das persoas que máis me axudaron a empoderarme foi o meu pai. Ensinoume a enfrontarme ao que máis medo me podía dar. A miña nai tamén, leva a forza impresa no ADN. Este é un medio moi masculinizado, pero non é un medio de homes. As mulleres rurais non chegamos onde se toman as decisións e iso é un problema, cando somos as que lideramos o emprendemento no agro. As rapazas máis novas necesitan eses referentes. O problema é que vivimos nun medio pensado por homes, cunha estrutura e un modelo de xestión deseñado por homes. O reto é acadar niveis de representación nos postos de xestión.

—Tampouco se recoñece o valor deste traballo.

—Temos que recuperar a autoestima. É un medio cheo de prexuízos. Hai que acabar coa idea de que é unha actividade de segunda, son oficios, profesións... Eu son parte dunha xeración á que nos dicían ‘formádevos para irvos´. A formación non se vía coma un valor engadido, e se volvías interpretábano coma un fracaso. A min pasoume, e eu nunca marchei realmente, sempre estiven vinculada á granxa (mentres estudaba na Universidade de Santiago), dáme moitísimo a nivel persoal, o valor de comunidade... Sempre sentín ese orgullo que me transmitiron os meus pais.