Patrocinado porPatrocinado por

Manuel Sandamil: «O sector gandeiro ten axudas porque o prezo do leite non é alto»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GANADERÍA

Sandamil salienta a importancia de que as industrias respecten os contratos.
Sandamil salienta a importancia de que as industrias respecten os contratos. ALBERTO LÓPEZ

O gandeiro chairego vén de ser nomeado presidente da confederación nacional de gando frisón

16 may 2024 . Actualizado a las 21:34 h.

Manuel Sandamil, gandeiro nado en 1972 na parroquia de Pacios (Castro de Rei), vén de ser nomeado presidente da Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe). Xa leva anos presidindo a Federación Frisoa Galega (Fefriga), polo que agora estende o campo de actuación do seu labor.

-O campo, polo xeral, é noticia polos problemas, sexan o prezo do leite, o incremento dos custos de produción ou as axudas da PAC. Tamén pode selo por cousas boas?

-Se nos mantemos e seguimos adiante, é porque algo faremos ben. Cada vez somos máis profesionais, facemos mellor produto, somos máis eficientes nas granxas porque a situación do mercado nos ten ao límite... Tamén se mellorou na xestión.

-Se se pensa en Francia ou en Suíza, vén á cabeza que son países de produción leiteira. Se en España quitamos o norte, pénsase o mesmo?

-Penso que en Galicia, en ciudades coma A Coruña ou Vigo, se descoñece un pouco ese mundo. Téñense dado casos de visitas de colexios a explotacións, e case non se sabía de onde procede o leite. Se imos a unha cidade maior, Madrid ou Barcelona, hai un maior descoñecemento sobre o mundo agrogandeiro, non só sobre o leite.

-Como se pode corrixir esa situación?

-Para que a xente lle dea máis valor ao que come, ten que coñecer a produción que hai aquí: hortalizas, froitas, leite, carne... Que se vexa a calidade do produto e o traballo que hai detrás ata que ese produto chega ás casas.

-Vemos España como un país con sector primario?

-Somos deficitarios en produción [de leite]. A xente ten que ver que temos o mellor produto, un produto de proximidade ao que hai que darlle valor. Somos unha potencia agrícola e gandeira mundial. Hai países que poden ter excedentes de produción; aquí pechan explotacións, e así non podemos selo.

-É imparable ese peche de explotacións?

-É difícil parar iso. Como noutras empresas, pero máis neste caso, van desaparecendo se non hai relevo xeracional. É certo que, polo menos en Galicia, se vai mantendo a cabana gandeira.

-En España hai varias comunidades cun importante sector gandeiro de leite. Hai intereses comúns ou difiren dunhas zonas a outras?

-O problema que temos sempre é o mesmo, a estabilidade no prezo do produto. É certo que cada comunidade autónoma ten as súas características específicas, dependendo de varios factores. Na cornixa cantabrica temos o privilexio do clima, que nos pemite producir dunha maneira máis económica e facer pastoreo. Se vas ao sur, atopas zonas nas que se aguanta pola compra de produtos para alimentar o gando. En Aragón hai cultivos que permiten subsistir, aínda que o clima é seco. Tamén se depende moito das industrias que cada un ten ao seu carón e da maneira en que se procesa ese produto, porque se ese leite se emprega para produtos de valor engadido, é probable que teña un prezo algo maior.

-Pódese ver hoxe a situación do campo cun certo optimismo ou, cando menos, sen moito pesimismo?

-Dentro do que cabe, no campo podemos hoxe ser un pouco optimistas. O leite segue a ser necesario para a alimentación, e creo que o sector pode vivir mellor aínda.

-Cal é o princlpal problema que ve para o sector gandeiro de leite en España?

-Hai algo básico, que é o cumprimento dos contratos por parte das industrias. Levamos un tempo de prezos algo bos, pero vimos de tempos en que case se perdían cartos. Hai que reclamar que se cumpra a cadea de valor, porque é algo que nos pode dar estabilidade. Non se pode producir por debaixo do custo de produción, e hai que vixiar que as industrias respecten os acordos. É mellor un prezo algo máis alto para o leite que ter máis axudas. Se houbese un prezo como Deus manda, non seriamos un sector tan sinalado pola sociedade porque recibimos axudas: se o sector gandeiro ten axudas, é porque o prezo do leite non é alto.

-Debe ser unha cuestión de Estado o apoio ao sector gandeiro e primario en xeral como o pode ser, poñamos por caso, a aposta polas enerxías renovables?

-Creo que si. Os gandeiros temos que pensar en contaminar menos, iso está claro; pero hai cuestións que fan que a xente se desanime, que vexan que o futuro non é óptimo.