Patrocinado porPatrocinado por

Apoio á formación de novos gandeiros: «Hai que facer canteira no campo»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

GANADERÍA

Concurso de novos manexadores celebrado durante a Mostra Exposición de Muimenta deste ano
Concurso de novos manexadores celebrado durante a Mostra Exposición de Muimenta deste ano ALBERTO LÓPEZ

Clun patrocinará concursos de preparadores e de manexadores da Federación Frisoa, que organizou actividades en Muimenta e en Santa Comba

17 may 2024 . Actualizado a las 10:04 h.

A substitución xeracional é unha necesidade na agricultura, na gandería e no medio rural en xeral. Organizar para os rapaces cursos de preparadores e de manexadores é unha medida que se vén facendo nos últimos anos e que vén de recibir un novo apoio. Clun anunciou este xoves o patrocinio a iniciativas que desenvolve a Federación Frisoa Galega (Fefriga). O presidente da cooperativa, José Ángel Blanco, e o de Fefriga, asinaron o acordo na sede da corporación do sector lácteo, situada en Ames.

O espírito de colaboración diríxese cara ao futuro. «Hai que facer canteira no campo», afirmou este xoves Sandamil. O presidente de Clun, José Ángel Blanco, salientou que así se axuda a subliñar o valor do medio rural. Blanco, que ten unha explotación no concello de Xermade, lanzou a mensaxe de que este acordo será un xeito de facilitar que a xente nova quede á fronte das granxas: «Son fillos de gandeiros e queremos axudarlles a que haxa futuro para eles nas explotacións», dixo.

Clun patrocinará concursos coma os que se desenvolveron en Muimenta e en Santa Comba en datas recentes. Na Mostra Exposición de Muimenta hai un certame de novos manexadores, e este ano, na xornada inaugural dunha feira que chegou ás corenta edicións, organizouse tamén un de xoves preparadores. A seguinte proba prevista terá lugar no certame Feiradeza. A colaboración inclúe tamén a formación na Escola de Xoves Preparadores, que se celebra en Lalín no verán.

Sandamil, gandeiro de Castro de Rei, recoñeceu que eses concursos eran unha maneira máis atractiva de tentar que os rapaces fosen asumindo traballos nas explotacións. «Queremos que empecen por algo que lles guste», afirmou.