Patrocinado porPatrocinado por

Tamara Fernández, gandeira de 22 anos: «Cando era pequena, dábame vergonza dicir que meus pais dedicábanse a isto»

PAULA ÁLVAREZ / MANUEL FERNÁNDEZ A FONSAGRADA / LA VOZ

GANADERÍA

Tamara incorpórase a explotación que dirixen seu pai e seu irmán
Tamara incorpórase a explotación que dirixen seu pai e seu irmán MANUEL FERNÁNDEZ

O venres 24 de maio celébrase na Fonsagrada unha xornada sobre a evolución da gandaría ecolóxica. Tamara é quen organiza o evento, que inclúe unha visita á súa explotación con 600 cabezas de gando

20 may 2024 . Actualizado a las 21:07 h.

«A min o que me gusta é estar no monte», di Tamara xa de primeiras. Ela é unha rapaza de 22 anos, natural de A Fonsagrada, á que non lle chegan as horas do día para todo o que quere facer. Gústalle a caza, forma parte de varias asociacións, traballa de camareira e acaba de rematar o ciclo de agro forestais para opositar a axente. Pero e que, ademais, está preparando os trámites para incorporarse canto antes á explotación familiar, coñecida como Gandaría Santiago Limusín. 

A gandaría familiar de Tamara, que está en Liñares de Maderne, unha pequena aldea de A Fonsagrada, conta con 600 cabezas de gando entre vacas, xatos e bois. Están ao fronte, polo momento, seu pai e seu irmán, de 36 anos, que tamén apostou por deixar o anterior traballo e volver á casa. A seguinte incorporación será a de Tamara, que co paso do tempo deuse conta de que o seu futuro está no campo collendo o relevo de seu pai e aprendendo do bo facer de seu irmán. «Teño os mellores exemplos na casa», di. 

A rapaza confesa que o oficio, e tamén a súa percepción sobre o mesmo, foron cambiando co paso dos anos. «Meu pai empezou con catro vacas e nunca pensou que chegaría a isto», explica. Fai anos as circunstancias eran máis duras e ser gandeiro relacionábase coa pobreza e a escravitude: «Cando era pequena, dábame vergonza dicir que meus pais son gandeiros». Na actualidade, explica que os traballos están mecanizados case ao completo e esta profesión funciona coma calquera outra, con horarios flexibles, comodidade e organización. Con todo, confesa ser consciente das trabas económicas e burocráticas e di que «se tivese que empezar de cero, nin de broma». Ela quere compaxinar o seu traballo na explotación con ser axente forestal. 

A tecnoloxía, gran aliada

«Os partos concéntranse, temos sensores para saber cando van parir as vacas ou como se atopan», di a nova gandeira fonsagradina. Cando se incorporou seu irmán había 100 vacas, agora van polas 600 e coa idea de seguir aumentando o número e as infraestruturas. Todas as vacas son limusinas, unha raza francesa que, segundo explica Tamara, «teñen moi bos partos e adáptanse perfectamente ao clima». A Gandaría Santiago Limusín aposta, ademais, polo ecolóxico e o sistema extensivo: «Non se usan abonos nin sulfatos e o gando pace todo o ano fóra. Iso —engade—marca completamente a calidade da carne». Contan con 170 hectáreas de pasto e venden ao ano uns 500 xatos. Subministran tamén a Tenreira Galega Suprema e a varios matadoiros de Asturias.

Se bota a vista atrás, a Tamara cústalle crer todo o que foi conseguindo a súa familia con traballo e esforzo. Cando era pequena, e seu pai non tiña unha explotación tan grande nin mecanizada, el mesmo era quen lle dicía «estuda e vaite, isto non ten futuro». O tempo demostrou o contrario e seu pai, impulsado polo relevo xeracional, formou unha explotación «cómoda e rendible, da que todos os veciños están orgullosos». Agora o fundador de Gandaría Santiago Limusín está a piques de retirarse, pero faino satisfeito porque o seu legado queda en boas mans.

«Queremos demostrar que disto se pode vivir perfectamente»

A historia desta familia de gandeiros é a que impulsa as xornadas sobre a evolución da gandaría ecolóxica que Tamara organiza o vindeiro venres 24 de maio en A Fonsagrada: «Queremos visibilizar o traballo dos gandeiros e demostrar que disto pódese vivir perfectamente». Na xornada, na que colabora tamén Amfar (Federación de Mujeres y Familias del Ámbito Rural), Ancarfe (Asociación Nacional Cinegética y Rural Femenina) e varios negocios do concello, estarán presentes outros gandeiros, membros de Asgafon (Asociación de Gandeiros de A Fonsagrada), un dos veterinarios da localidade e o líder do PSdeG Xosé Ramón Gómez Besteiro. Terá lugar ás cinco e media da tarde no salón de actos do concello. O encontro rematará cunha visita técnica á explotación de Tamara e unha cea gratuíta no restaurante O Piñeiral. Para asistir é necesario inscribirse no 608 762 785.