Medio Rural adica 11,7 millóns de euros para mellorar a sanidade gandeira o ano que ven
GANADERÍA
As campañas de saneamento gandeiro recibirán 9,5 millóns, mentras que as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras obterán 2,28 millóns de euros
10 dic 2024 . Actualizado a las 13:31 h.Un total de 9,5 millóns de euros. Ese é o presuposto aprobado pola Xunta para as campañas de saneamento gandeiro e outras medidas sanitarias que se levarán a cabo ao longo de 2025, co obxectivo de manter a boa cualificación sanitaria das explotacións gandeiras en Galicia. Este orzamento financiará plans de vixilancia, control e erradicación de enfermidades, así como labores de limpeza e desinfección en granxas con casos de animais enfermos e nos vehículos de transporte de reses.
Ademais, incluiranse actuacións de apoio aos servizos veterinarios oficiais en situacións de alerta sanitaria, así como medidas de benestar animal e servizos como a Oficina Agraria Móbil. Estas accións enmárcanse nos programas nacionais e europeos destinados a garantir o mantemento dun alto nivel sanitario, clave para a comercialización sen restricións de animais e produtos de orixe animal.
Segundo a Xunta, Galicia destaca pola súa elevada cualificación sanitaria grazas ao esforzo dos gandeiros e ás medidas implementadas pola Administración, situándose como unha das comunidades con mellor estado sanitario no ámbito estatal e europeo.
Axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG)
A maiores, a Consellería do Medio Rural destinará 2,28 millóns de euros a axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) en 2025. Estas achegas permitirán financiar programas de prevención e control de enfermidades animais, así como a súa participación na rede galega de epidemiovixilancia.
Os programas subvencionados desenvolveranse entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026, reforzando as condicións hixiénicas, o benestar animal e o status sanitario das explotacións. Entre as enfermidades incluídas atópanse a rinotraqueíte infecciosa bovina, a diarrea vírica bovina, a paratuberculose e outras, como a mixomatose e a enfermidade vírica hemorráxica nos coellos.
As axudas buscan consolidar estas agrupacións asociativas e fomentar a integración de gandeiros, garantindo o cumprimento da normativa en materia de identificación, benestar e sanidade animal. O obxectivo final é asegurar unha cabana gandeira galega con altos estándares sanitarios e competitiva no mercado.