Patrocinado porPatrocinado por

«O patrimonio pode servir para xerar postos de traballo nas zonas rurais»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

SOSTENIBILIDAD

Branca Vilar (na foto, á dereita) cre cre que o patrimonio é unha baza de futuro para parroquias coma a de Labrada
Branca Vilar (na foto, á dereita) cre cre que o patrimonio é unha baza de futuro para parroquias coma a de Labrada SUSO PENA

Branca Vilar, veciña de Labrada (Guitiriz), explica pinturas do século XVI e pide atención para o campo

20 abr 2023 . Actualizado a las 20:21 h.

Unha queixería permite dar valor engadido á produción de leite dunha zona e axuda a que esa comarca sexa máis coñecida. Unha visita turística serve para que o patrimonio histórico e artístico dun lugar sexa máis apreciado e para que ese sitio se coñeza máis. Unha parroquia coma Labrada, pertencente ao concello de Guitiriz e situada no oeste da comarca da Terra Chá, pode presumir desas dúas facianas.

Hai uns dous anos e medio que na parroquia comezou a funcionar unha queixería, que emprega no seu traballo leite de gandarías da contorna. Este verán empezaron as visitas guiadas á igrexa de Labrada, que ten nas súas pinturas murais, datadas no século XVI, un dos seus elementos máis especiais. Branca Vilar, veciña de Labrada, encárgase desa tarefa.

As fins de semana son o momento no que se poden facer as visitas. Aconséllase acudir en grupos reducidos e chamar antes por teléfono (ao 622 554 773) para reservar. O interese semella evidente, xa que xente de diferentes lugares —moitos da provincia da Coruña, di Branca Vilar— ten chegado a Labrada para ver as pinturas.

O percorrido non ten unha duración fixa. Hai visitas de 30 minutos e hainas dunha hora, xa que o tempo empregado depende da curiosidade dos visitantes. Que haxa preguntas non só non é unha molestia senón que se recibe con interese. «Pedímoslle á xente que participe. É interesante que faga comentarios nas súas visitas». explica.

Sexan máis curtos ou máis longos, os percorridos inclúen explicacións sobre a igrexa, que na súa estrutura actual foi construída no século XVIII, e sobre o cemiterio parroquial, cuxas cruces neogóticas amosan a influencia dos Carboeira, coñecida familia de canteiros de Román que deixou pegada en Vilalba e noutros concellos chairegos.

As visitas supoñen, pois, máis coñecemento para os visitantes; pero Branca Vilar quere que sexan tamén unha chamada de atención. «Temos que salvar o medio rural; no medio rural podería haber vida se nos deixasen», comenta. Que se conserven explotacións gandeiras ou que se monten proxectos agropecuarios parécelle unha maneira de manter vivo o campo, pero non a única. «O patrimonio pode servir para xerar postos de traballo nas zonas rurais, pode ser un aliciente máis», subliña a guía turística. O caso de Labrada amosa, na súa opinión, o que se pode e se debe conseguir: concellos coma Guitiriz «deben aspirar a un turismo de calidade ao que lle interese a cultura galega».

 

Moito que achegar

Semanas despois de ter comezado esta experiencia, Vilar cre que Labrada e parroquias próximas teñen moito que achegar para facer de Guitiriz un municipio con máis visitantes. Por unha banda, salienta a importancia das pinturas murais da igrexa da veciña parroquia dos Vilares, de cuxo mal estado teñen advertido nos últimos anos varias asociacións; por outra, afirma que estes elementos patrimoniais poderían ser un bo complemento para un concello coñecido pola riqueza termal e por itinerarios de senderismo preparados neste século (a Ruta da Auga).

O desexo de Branca Vilar é claro. «Que isto non sexa só unha cousa de Labrada», salienta. De todos os xeitos, pensa que moitas comarcas poden entender as súas inquietudes e as súas esperanzas. «Os que vivimos no medio rural queremos conservar o patrimonio, e o patrimonio pode axudarnos a loitar contra o despoboamemento», di.

 

Influencia do pai

O interese polas curiosidades e riquezas da parroquia vénlle de familia a Branca Vilar, pois foi seu pai, Antón Vilar, quen descubriu, aló por 1990, as pinturas murais que ela amosa aos visitantes. O achado tivo lugar máis ben por casualidade, estando un día na igrexa, aínda que o interese polo patrimonio non era para el unha cuestión allea.

Branca Vilar lembra que con seu pai, sendo unha rapaza, coñeceu a fortaleza dos Andrade en Pontedeume, o castro de Viladonga (Castro de Rei) ou o mosteiro de Caaveiro (A Capela). Foi el, engade, quen lle inculcou a conciencia do valor do patrimonio e da importancia de traballar para conservalo.

 

Un edificio no que se fixeron traballos para evitar problemas de humidade

As pinturas de Labrada conteñen imaxes da vida de Xesús, de san Xoán Bautista e de san Sebastián, entre outros motivos. Antes de seren amosadas a visitantes, foron coñecidas porque o párroco, Luis Rodríguez Patiño, denunciou varias veces a mala conservación do edificio. Os problemas de humidade, segundo o crego, ameazaban as pinturas e a igrexa en xeral, e para solicitar atención das administracións mesmo chegou a organizar unha recollida de sinaturas, salientando que aos poderes públicos corresponde o coidado do patrimonio. No exterior da igrexa, con fondos achegados pola Deputación de Lugo, fíxose unha gabia e instalouse un caleiro para recoller auga e evitar que pasase ás paredes.

 A uns 15 minutos da A-6

Unha boa maneira de chegar dende Lugo ou dende A Coruña a Labrada é circular pola A-6. En Trasparga (Guitiriz) sáese da autovía do Noroeste e cóllese a estrada LU-170. Uns 15 minutos abondan para chegar á parroquia.