Lino Sexto: «O aumento das incautacións de bivalvos vén provocado polo comiso da ameixa portuguesa»
SOMOS MAR
«Os furtivo son cada vez máis violentos nas zonas onde hai problemáticas», di o responsable de Gardacostas de Galicia
01 sep 2024 . Actualizado a las 08:47 h.A intervención de marisco ilegal e de medios de extracción por parte de Gardacostas de Galicia tivo o seu momento álxido entre os meses de abril e xuño, tal e como explica o responsable do servizo, Lino Sexto.
—A que se debe que a incautación de bivalvos por parte de Gardacostas medrara un 71 % no que vai de ano?
—Este aumento ao que se refire vén provocado polo comiso da ameixa portuguesa que se produciu no mes de abril deste mesmo ano, no que se incautaron máis de mil quilos de ameixa portuguesa de talla antirregulamentaria sen documentación.
—Aparte de Portugal, teñen constancia da entrada de marisco antirregulamentario doutras procedencias?
—Non, non temos.
—Entón tamén ten a súa orixe no furtivismo local?
—Preséntase marisco de dentro e de fóra, tanto de incautacións que veñen de recollidas de furtivos nas praias coma importacións que se fixeron dende Portugal e que se comprobaron que non cumpren coa normativa vixente.
—As intervencións de polbo e sardiña tamén son importantes en volume, xunto coas que está a facer a Garda Civil. Que explicación teñen?
—A explicación é sinxela. As partidas de sardiñas, cando hai calquera actuación, soen ser cantidades bastante elevadas. O que si hai é unha coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, concretamente coa Garda Civil do Mar e o Servizo de Gardacostas de Galicia. Seguimos traballando conxuntamente para tratar de erradicar calquera tipo de actividade ilícita en materia de pesca e marisqueo.
—Aprecia algún cambio no comportamento do furtivismo?
—Que si se aprecia algún cambio de comportamento? Que cada vez están máis profesionalizados e, nas zonas onde hai problemáticas, os furtivos son cada vez máis violentos.
—Onde están os principais focos desta actividade ilegal?
—Loxicamente, os principais focos de furtivismo teñen lugar onde hai máis produto. É dicir, as zonas onde se concentra maior produción son as máis conflitivas. Son habituais Cabo de Cruz, en Boiro, a zona da ría de Arousa en xeral e a zona de Ferrol, que presenta problemas coa vieira. E tamén é recorrente a Costa da Morte, que ten problemas co percebe.
—Están a ter colaboración do sector marisqueiro nesta loita?
—En relación á colaboración, hai de todo. Hai sitios e confrarías nas que si hai unha boa colaboración e outras zonas onde é bastante menor.
—Considera necesario un reforzo dos medios de loita contra o furtivismo?
—Si é necesario reforzar para ter medios operativos practicamente as 24 horas do día e os 365 días do ano. Dende a Xunta de Galicia realízase un importante esforzo nese sentido e nesa liña estamos traballando. De todas formas temos que pensar que só lograremos erradicar o furtivismo coa implicación de todos: Gardacostas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Policía Local e, por suposto, o propio sector.