Os novos soportes enriquecen a oferta literaria infantil e xuvenil

EVA MARTÍNEZ A CORUÑA

TELEVISIÓN

O tebeo e a novela de terror son os xéneros máis solicitados polos nenos no verán Libros que inclúen un CD e historias que continúan nunha páxina web diversifican as novidades de literatura infantil e xuvenil que aparecen este verán. A oferta complétase coa traducción de clásicos, como o norteamericano Maurice Sendak, e os traballos de creadores de narrativa debuxada, como Fran Jaraba. Segundo o editor Manuel Bragado, «no verán os nenos decántanse polo cómic, a novela de terror e as series de personaxes que conocen durante o resto do ano». Calquera xénero é bo se se mantén o costume de ler.

22 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que a literatura infantil e xuvenil segue sendo «o cabalo forte da industria do libro», segundo Daniel Rozados, director da Asociación Galega de Editores, o seu índice de vendas veuse afectado polo descenso xeral do sector no último ano. «A oferta cultural é moi grande e o libro loita contra outras cousas máis novidosas, de maior impacto», afirmou Daniel Rozados. Diante desta situación de competencia desigual con outros sectores da cultura, as empresas editoriais «están dando un paso firme para producir unha nova oferta», indicou o director do sector editorial en Galicia. Daniel Rozados sinala a necesidade dun estudio sobre os hábitos de lectura en Galicia, para o que «xa existe un compromiso verbal por parte da Consellería de Cultura». Dentro destas iniciativas editoriais, atopamos o libro Matapitos.com, de Gloria Sánchez. A autora relata neste libro a historia dunha meiga chuchona disfrazada de mestra moderna. Unha páxina web creada por Edicións Xerais de Galicia pon a disposición dos internautas a continuación desta historia. A editorial Kalandraka, especializada en literatura infantil, opta pola música na súa oferta para este verán. A primeira entrega da colección «Son de Conto» está centrada nunha historia de Xosé Neira Cruz, A memoria das árbores, creada arrededor dunha peza musical do compositor Marcial del Adalid, e inclúe un disco compacto. A oferta literaria complétase cunha obra de José María Plaza, Canciones de Amor y Dudas, publicada por Ediciones SM, na que se conta a historia da canción. Ilustracións moi coidadas Un aspecto que gaña importancia nas novidades editoriais é o das ilustracións, cada vez máis coidadas. Segundo o autor nortamericano Maurice Sendak, «o don peculiar dun ilustrador é o de ter unha extraña afinidade coas palabras». A tradición oral de Galicia aparece en Contos de Maxia I e Contos de Maxia II,incluídas na colección «Cabalo Buligán», da editorial Xerais de Galicia. Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba encárganse destas dúas obras, que aparecen ilustradas a toda cor polo debuxante Lázaro Enríquez. Cada volume inclúe catro contos de maxia, dirixidos ó público infantil, pero tamén a un público adulto que conta esas historias ós nenos, que aínda non len.