«Son unha persoa moi crítica co meu propio traballo»

JORGE ISLA A CORUÑA

TELEVISIÓN

Nuria Gómez, presentadora de «Clave de sol» Nuria Gómez, santiaguesa de 26 anos, pasou de ser azafata a presentar un programa dun día para outro. Ata fai un mes acompañaba a Xosé Ramón Piñeiro no «Téquele show», igual que fixo antes no «Téqueletéquele» ou no «Supermartes». Tras cinco anos de labores secundarias, pasou ó primeiro plano co programa «Clave de sol», que se emite tódalas tardes, de luns a domingo, na TVG.

19 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

En 1995 Nuria foi Miss Linda Turismo de España. Dende entón traballa de modelo de pasarela e, sobre todo, de fotografía. Pouco tempo despois, deu o salto a pequena pantalla en Clave de sol, un novo espacio que trata de recuperar as mellores voces que pasaron polos programas de karaoke da canle autonómica. _¿Cómo comezaches a traballar no mundo da televisión? _A min sempre me gustou a tele, pero nunca pensei que chegaría a presentar un programa. Parecíame un sono inalcanzable. Por probar, presenteime a varios castings e tiven a sorte de que me seleccionaron nun deles para ser azafata do Supermartes. _¿Cres que nese tipo de probas o fundamental é o físico? _O físico é moi importante para a televisión. Hai que dar unha boa imaxe, pero non chega só con iso para triunfar. _¿Pareceuche moi difícil o teu comezo profesional? _Tiven que pelexar moito, pero nunca perdín as esperanzas. Axudoume que houbera xente que confiaba en min. Agora teño que seguir traballando para non quedarme estancada. _Semella que te encasillaron en programas musicais. A verdade é que son os que máis me gustan. Son amenos e divertidos, coma min. _¿Qué outros xéneros televisivos che interesan? _Eu non lle digo que non a nada. Gustaríame moito traballar con nenos, pero aínda estou comezando e non me podo permitir elixir. _Acabas de presentar unha gala en directo con Juan Pardo, «Mar a mar», ¿foi máis difícil que presentar «Clave de sol»? _Moitísimo máis. Había moita xente, eu non coñecía o equipo, e ademais, era en directo. Cando os programas son en diferido estás moito máis tranquila porque sabes que podes repetir. Eu son unha persoa moi crítica co meu traballo. Creo que se o volvese a facer saeriame moito mellor. _¿Hai algún xornalista ó que che gustaría parecerte? _Unha persoa que me gusta moitísimo é Ana Rosa Quintana. Sabe resolver ráidamente calquera problema que se lle presenta e ten moita clase. _¿Pensas probar sorte no mundo do cine? _O que quero agora é reforzarme na televisión. Máis adiante xa se verá.