«Unión libre» revisa a música a través dos cambios en xéneros e autores

TELEVISIÓN

11 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

«Cómpre danzar a vida». A cita de Nietzsche inspira o último número da revista Unión libre, dedicada á musica. En consonancia co carácter multicultural da publicación, as súas páxinas aproxímanse a xéneros tan diversos como o cante jondo, o cuplé ou o punk. Tamén se revisa a obra de creadores como George Brassens, Leonard Cohen ou Bob Dylan, ademais de repasar cancións «que cambiaron un mundo»: A Internacional ou Grândola, vila morena. Non falta a música galega, desde a popular ós compositores. O cantautor Woody Guthrie, ademais de inspirar a vocación de Bob Dylan, foi un sagaz observador do comportamento humano: dicía saber máis da xente pola súa música que polas súas palabras. A revista Unión libre, coordinada polos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, baixo o título de Cantares, dedica o seu número cinco a unha ampla variedade de xéneros musicais, desde cancións que «cambiaron un mundo» ata os xéneros de Cuba, o celtismo, o punk, o blues ou o hip hop. Un artigo de José Ángel Valente, unha aproximación poética ó cante jondo, abre os ensaios sobre os xéneros. O seguinte capítulo céntrase na figura e obra de cinco autores: Brassens, Vian, Ferré, Dylan, Marley, Reed, Cohen e Aute. De Lou Reed, por exemplo, compárase a súa canción Walk on the wild side coa versión El lado más bestia de la vida, do catalán Albert Pla. Un novo capítulo ábrese ás creacións musicais de Galicia. Figuran aquí Negra sombra, as cantigas de labor, o cantautor Guillermo e Voces Ceibes, e as adaptacións de poesía de Amancio Prada. Ademais dos ensaios, Unión libre reserva un espacio á creación. Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, María Lopo e Olga Novo rinden homenaxe con poesías ó xeito de jam sessions ou improvisacións, sobre imaxes de Billie Holiday, Tom Waits, Hendrix ou Morrison.