
Xabier P. Docampo acadou o premio Nacional de Literatura Infantil con esta obra Xa había tempo que pensaras en ler algo de Xabier P. Docampo, un dos autores galegos premiados que viches un día na televisión e parecía un bo tipo (¿non sería aquel simpático do mentireiro-verdadeiro ? ¿ou o do programa ese de contacontos?). Lecturas cualificadas
17 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O teu fillo tivo que ler unha historia del para o colexio e despois pegou noutras. Calquera entende estes rapaces: ¡se cando ve un libro ou a sopa de verduras váiselle a fame! O de que petan pola noite na porta tiña boa pinta. Debería andar pola casa, pero o rapaz non sabe onde o puxo (¡non o colocaría nunha librería desas que compran-venden libros de segunda man! Terás que averigualo sen falla). Mañá halo comprar coa Voz. E á noite, ao que se deite o neno, haste instalar no sofá, deixarás a tele sen volume e prenderás un cigarro (hoxe tampouco foi bo día para deixar de fumar) mentres fóra arroia como se fose o inverno pasado. Poñerás os pés na mesiña da sala, cun chupito de licor-café de compañeiro. E empezarás a ler. Andarás co ferreiro a voltas cando a un ollo lle dea por choscar. Como se quixese vir o sono. Seguirás. A vella ruín do Fornadas traerache á memoria a veciña cismona que tanto latricou cando empezaches a mocear. ¡Mira que acabar dese xeito! Sentirás baleiro no estómago e ergueraste por unhas galletas. Oirás doce badaladas. Mañá hai que madrugar, pero o da loba promete, porque tamén ti viches o lobo unha noite vindo da festa. ¡Agora o teléfono! Soará o teléfono unha vez. Alguén que equivocou o número. A ver en que para este da tarxeta feliz cumpremortes... Outra vez o teléfono. Cando o collas xa non haberá ninguén ao outro lado. Volverá soar. Agardarás. Insistirá. Alguén preguntará polo Teixo. Aquí non vive o Teixo nin o Fornadas, rosmarás con xenio antes de ir para a cama ¿durmir? ¡A quen se lle conte! ¡Mira que preguntar precisamente polo Teixo! Ai, ho, mañá aínda levas que contar ao traballo.