Luís Rei Núñez, escritor A Coruña. O verán de 1959 está a piques de rematar. Os trens traen á cidade xente de moi lonxe. E un deses pasaxeiros chega cunha misión que cumplir cos compañeiros na clandestinidade do antifranquismo. Pero un azar tamén pode abrir unha xanela á posibilidade de cambiar o curso da historia. En «Expediente Artieda», Luís Rei Núñez, debuxa un feixe de personaxes que desenvolven a súa vida cotiá nunha Coruña na que só as novelas do oeste e os cines semellan ser unha vía de escape da asfixiante grisura que todo o impregna. Unhas vidas cativas nas que tamén se pode atopar o heroísmo, ó que homenaxea o autor.
31 mar 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Luís Rei acadou no ano 2000 o premio Xerais de novela pola súa obra Expediente Artieda, un fresco da Coruña de posguerra. -Hai críticos que din que ó final os británicos estarán agradecidos a Margaret Thatcher porque o mellor cine está inspirado na súa época. Salvando as distancias, a guerra e a posguerra inspiran moita literatura. -O que ocurre é que a guerra civil española durou tres anos nada máis, pero as súas consecuencias padecéronse durante corenta. Eso marcou a vida dunha xeración de paisanos nosos e de xentes máis nova, que revisan esa parte do noso pasado e deben axustar contas con ese trauma. Eu nacín a finais dos 50 e non padecín de xeito directo aquela situación, pero si as súas influencias, que se alongaron ata o ano 75 e mesmo despois. Moitas cousas que ocorreron tiveron o seu alicerce en todo aquelo. -¿É a literatura un xeito mellor de contar estas cousas que a historia? -Normalmente, a historia é contada polos que gañan, e céntrase nos poderosos; o que contan ten que ver coa vida de fulanito se fulanito é poderoso. Hai outra forma de achegarse, que é a dos historiadores marxistas, cunha visión ideolóxica e en clave económica. Da un protagonismo difuso, no que os personaxes anónimos se limitan a ser números nunha estatística fría. O bo da literatura é que permite poñerlle nomes e rostros e eses personaxes anónimos. -É que Expediente Artieda, á marxe da trama, deténse polo miúdo nas vidas dunha serie de persoas. -Neses anos non había un horizonte para ninguén. Un número importante de cidadáns estaban identificados co réxime, pero os había que estaban á marxe, aínda que non houbese horizontes, había Sanchos que precisaban buscar un Quixote e ter un ideal para entregalo todo. O libro intenta render unha pequena homenaxe ó heroísmo, entendido como o compromiso vital de xente que o da todo aínda que non espera nada.