Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A novela «Polaroid», de Suso de Toro, marcou un fito na literatura galega dos oitenta

CRISTINA PATIÑO, profesora da Facultade de Humanidades de Lugo

TELEVISIÓN

Entre unha petición de espera e unha confesión shakespeareana pasa toda a película de «Polaroid» (1986, Premio da Crítica de Galicia no 1987), de Suso de Toro, título que mañá entrega La Voz de Galicia na súa colección «Biblioteca Galega 120». O libro constitúe un fito na narrativa galega polo seu dinamismo, pola súa moderna insubmisión ós canons narrativos. Dolores Vilavedra, autora dunha brillante análise da obra do escritor compostelán, referiuse ó libro coma a «un lostregazo na convencional literatura galega dos 80». Lecturas cualificadas

22 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O ollo dunha cámara cáseque autónoma é dono da realidade, dunha realidade secuencial que se ten algún sentido será o sentido da súa marcha, do seu cinematismo. Un ollo que expresa ós individuos, que non vai albiscar antropoloxías ou esencias, un ollo desacougante que tensa dialecticamente, engade misterio e máis escinde. Nunha sociedade arcaica que ten signos de modernidade, que bota a andar na procura de novos camiños, ese ollo tenta abarca-lo mundo. Hai un mundo enteiro en Polaroid. Os lectores de Suso de Toro saben da súa múltiple capacidade modulatoria, segundo Vilavedra. Tense dito que as súas obras son sempre distintas, aínda que haxa un aire de familia que vencella por unha banda a escritura experimental de Polaroid, con Tic-tac ou con Círculo, e por outra os máis narrativos atopen en A sombra cazadora, Calzados Lola ou Non volvas cobertas as súas expectativas. Un mesmo escritor pode conxugar tendencias tan dispares cando asume a súa identidade contradictoria. Mestre do relato curto, consegue artellar novelas e mesmo producir teatro e xéneros como o periodístico, no que resulta rechamante A carreira do salmón. Sempre no horizonte os problemas vivenciais da xente. Poderiamos falar de Polaroid coma dunha novela, a transitividade do texto faino explícito dun xeito autorreferencial moi joyceano. Son moitas as semellanzas co autor do Ulises, a identificación é doada. Ámbolos dous creadores de cidades mitotópicas, constructores dun lugar literario que é o seu lugar, donos dunha ironía poderosa que non fai outra cousa que lamer as feridas que a realidade provoca. Pedrós Gascón ten sinalado a recorrencia e a reformulación do complexo edípico nas obras de Suso de Toro a través da presencia de Hamlet, Caín, Prometeo, Teseo. A cámara danos un retrato da cidade cutre e vulgar, cheo de vida doméstica, a cámara non perdoa. Lonxe de ancorarse no pasado, ten que ir para diante. Como din no epílogo da sexta edición, «Polaroid trata da ruptura co pasado, dos avós agachados no faiado e dos netos que non saben quen son».