Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Miguel Anxo Fernández gaña o García Barros de novela que convoca A Estrada

TELEVISIÓN

O xurado salientou de «Un nicho para Marilyn», a obra premiada, o seu humor e ironía O xurado do García Barros de novela concedeu o premio deste ano ó investigador e crítico de cine Miguel Anxo Fernández Fernández. O autor consegue este galardón, dotado con 9015 euros, a escasos días de presentar «As imaxes de Carlos Velo» -premio Sempre en Galiza do Concello de Pontevedra- e cando está a piques de saír «O sabre do francés» en Galaxia.

21 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Un nicho para Marilyn , a obra premiada polo xurado do García Barros, conta a historia dun detective privado de orixe galega, de nome profesional Frank Soutelo, fillo dunha emigrada de Muros e dun exiliado soutelano -de aí o seu apelido profesional-. Frank Soutelo é un ex-policía con despacho propio en Los Ángeles ó que, polo seu peculiar estilo, lle encargan investigar ónde está o cadáver de Marilyn Monroe, desaparecido do cemiterio. Nas súas pesquisas Soutelo irá de sorpresa en sorpresa. O xurado, que se deu a coñecer o fallo onte en A Estrada, salientou o humor e a ironía con que está escrita Un nicho para Marilyn , a mellor das 25 novelas presentadas. Miguel Anxo Fernández comentou onte, unha vez coñecido o fallo do xurado: «O primeiro dicir que me sinto moi honrado por figurar nunha nómina do prestixio literario dos gañadores do García Barros -acadado en pasadas edicións por autores como Xosé Carlos Caneiro ou Riveiro Coello- iso si, convencido de que nunca lograrei superalos». Á hora de escribir Un nicho para Marilyn Fernández Fernández pretendeu «facer unha parodia das vellas pulps , novelas baratas e populares do xénero negro, mesturado con referentes cinematográficos do cine de detectives tipo Bogart, unhas pingas de gore e o engadido dun chisco de retranca do país e fortes doses de relatividade e tira pa diante ». Fernández, que elaborou unha obra chea de humor convencido «de que o noso país necesita letras retranqueiras, rirse un chisco da realidade que nos fai a vida imposible a cotío», presentará en breve O sabre do francés (Galaxia) na que «amosa un rexistro radicalmente diferente de Un nicho para Marilyn . É un feixe de relatos ambientados durante a afrancesada en Galicia no século XIX e dos que me sinto particularmente satisfeito».